“Unha boa canción aguanta só cun instrumento e voz”

Abraham Boba na Zona "C" en Compostela

O problema das etiquetas é que moitas veces son tan grandes que tapan ao personaxe que hai detrás. A Abraham Boba tocoulle ser o músico do que sempre se di que está á sombra, aínda que teña saído á luz hai xa bastante tempo. Cancións de delicioso pop ben feito, dese que só alguén que ten escoitado moito a Leonard Cohen e a Randy Newman (e ten ademais talento, claro) pode facer, enchen xa tres discos.

Estes días está de volta por Galicia (porque vive en Madrid, pero é vigués) cunha xira acústica “sacada da manga” na que toca el só e aproveita para “probar algunhas cancións novas coa xente”. En Santiago xa encheu a Zona “C” hai dous días, en Vigo tocará o sábado.  Nós aproveitamos que xa andaba por aquí para falar con el un rato.

– Na xira que estás a facer vas ti só, como é a adaptación ao formato acústico?

É como volver un pouco á orixe da canción, a como cando foi escrita. Eu sempre digo que unha canción, se non a podes tocar así, non é unha boa canción. Unha boa canción ten que poder sosterse só cun instrumento e unha voz. O outro xa non son boas cancións, son bos arranxos, que é algo distinto. Eu o que fago é iso, volver á orixe da canción, tocala núa. Ademais ao non levar banda podes xogar ti máis con ela, parala cando queiras, subir, baixar… xa vas levándoa ti como queiras e é bastante ameno.

– Ademais tes experiencia en todo tipo de formatos: tocando con máis xente e que sexa outro o centro de atención, tocando con máis sendo ti o centro, tocando completamente só…

Si, son cousas distintas, gústanme todas. O de tocar para alguén está ben sempre e cando as cancións dese alguén che gusten e toques cunha banda que estea guai. Eu por exemplo con Nacho Vegas, que é con quen máis toco, estou cunha banda que é unha marabilla. Cando toco eu con banda tamén está moi ben, aínda que tampouco tiven demasiadas oportunidades de facelo e está aí un pouco no tinteiro. E a min tocar só encántame, pero ao andar por aí de xira… Ao final son tamén bastantes días da túa vida, xa non dis “oh, que ben, teño un concerto!”, gústache pensar “teño un concerto aquí, estaría ben facer…”, como cando vas de viaxe con amigos. Iso é o que máis boto en falta ao tocar só, vas dun lado para outro e aínda que sempre coñeces a xente nos sitos nos que vas a tocar si que falta a xente máis próxima.

– E que estás a tocar nestes concertos? Un pouco de toda a túa traxectoria en solitario?

Si, estou tocando cousas dos tres discos. Do primeiro toco tan só unha canción, son sobre todo deste último e do anterior, e ademais estou tocando unhas tres ou catro novas. Con estas, como son cancións que non tes demasiado claras, ten que ser un momento no que esteas moi tranquilo para decidirte a tocalas. Pero de momento á xente están a gustarlle moito, así que quedo contento. Fíxenas hai pouco e practicamente non as ten escoitado ninguén.

Abraham Boba

– En que dirección van a ir esas cancións? De ‘Los días desierto’ todo o mundo di que é o teu disco máis accesible, aínda que os outros tampouco son precisamente inaccesibles…

Xa, non son Ligeti!

– As novas por onde queres levalas cando as graves?

Pois en principio penso en facer un disco bastante austero, con moi poucos elementos. As cancións tampouco son moi distintas, aínda que algunhas si que o son. Hai cancións con moi pouco texto, cun par de frases que se van repetindo, que é algo que non fixera nunca. Hai cancións moi curtas, outras máis parecidas… Pero o que penso que vai cambiar un pouco é a concepción da gravación, o que me apetece é facelo ao revés de como fixen os outros discos. Nos anteriores gravei primeiro as bases (baixo, batería, piano…), e agora o que me apetece facer é o contrario, empezar pola canción en si, como se facían os discos hai moito tempo. Vai a ser un disco moi nu. Posiblemente un suicidio comercial. (Risas) Pero como non me importa…

– E coas antigas que tal nos concertos? Do primeiro dis que xa só tocas unha, vaste afastando delas, adaptándoas?

Si, claro, adáptoas bastante. De feito a que toco do primeiro disco non ten nada que ver con como era… Varío bastante as cousas, sobre todo ao ir eu só. Ademais hai que darlles un pouco de vida ás cancións, porque se as tocas exactamente igual que como están no disco, aparte de ser un aburrimento, empézanse a apolillar e iso non é bo.

– Fagamos unha viaxe no tempo. De ti sábese todo o de Nacho Vegas e os teus albumes en solitario, pero cal foi a túa infancia musical?

Pois empecei en Vigo tocando a batería, que foi o primeiro instrumento que toquei. Xuntábame con amigos, e despois tiña unhas baquetas na casa e sempre estaba a aporrear o sofá, vendo vídeos… Pedinlle aos meus pais que me comprasen unha, pero non houbo sorte. E despois xa con 20 anos montei un grupo de rock cuns amigos, co que ata gravamos un disco con Paco Loco, fixemos bastantes concertos… Despois tiven un proxecto instrumental cun amigo e aí aprendín bastante. Era algo moi naif e case nin tocábamos en directo; era máis iso, pecharse nun cuarto e poñerse a experimentar e tocar sen ter tampouco demasiada idea.

E aí, cando me decatei de que efectivamente non tiña moita idea, foi cando me considerei o de estudar. Empecei a estudar música, piano, bastante maior, con 23 anos ou así. Ese foi un paso xa bastante importante porque tamén cambiou a miña concepción da música, a miña forma de entender a música, e ademais deume pé para empezar a facer as miñas cancións, que era algo que sempre quixera facer porque me gustaba escribir e esas cousas. E aí polo 2005 empecei e ata hoxe.

Abraham Boba na Zona "C" en Compostela– E que referentes tiñas daquela (deses que sempre quedan)?

Efectivamente, hai cousas que vas escoitando así máis puntualmente, algo que descobres e pensas “pois está guai”. E escoitas bastante ese disco pero sabes que non che vai a marcar, ou que dentro de dez anos ese disco posiblemente non o escoites. As cousas que levo escoitando desde hai moitos, moitos anos son sobre todo Leonard Cohen, Dylan, cousas de Nick Cave… Despois hai tamén cousas que descubrín máis adiante como Randy Newman, que para min é un dos mellores escritores e compositores de cancións que hai. A el descubrino xa cando tiña en marcha este proxecto e vin tamén moitos paralelismos polo do piano, as súas letras, e sei que é tamén un músico que vai ser dos que escoite durante moito tempo.

– E para os directos Randy Newman pode ser tamén referente, non?

Si, bueno, Randy Newman é un pianista incrible, non pretendo equipararme, oxalá…

– Outro dos teus proxectos é o de Forastero, con Javier Gallego (‘Carne Cruda’, RNE3) e máis xente… iso avanza?

Si, si, vai para adiante. Somos varios amigos que nos xuntamos para facer algo, está moi ben porque son músicos de Madrid moi, moi bos e moi boas persoas. Xurdiu un día que estaba eu por Radio 3 e me atopei con Javier Gallego, a quen coñecía de cando tocaba en Dead Capo. Contoume que estaba a montar un proxecto e xa lle dixen que me avisase porque me parecía moi interesante e me apetecía un montón. E un mes despois xa estábamos ensaiando… O que pasa é que vai moi lento porque todos estamos metidos en moitas historias. Nótase moito que non é o mesmo montar unha banda aos 20 anos que con 35, a xente ten xa a súa vida, non pode ensaiar tanto… Vai moi lento, pero supoño que para despois do verán empezaremos xa a tocar.

– E xa para rematar: que se sinte ao esnaquizar un piano (un organillo, en realidade) como fixeches no videoclip de Podría haber sido peor?

Eu quería esnaquizar un piano de verdade! Foi o único que dixen. A min os videoclips non me gustan nada, e cando me dixeron que tiñamos que facer un vídeo desta canción eu dixen (era un amigo meu quen ía a facer o vídeo): paréceme ben todo o que digas, pero a min gustaríame romper un piano. E estiveron a buscar un piano que estivese xa feito po para poder esnaquizalo, pero saía demasiado caro. Entón atoparon un organillo que non funcionaba nin nada, e moi ben, é como axustar contas con moitas cousas da música, dunha forma algo salvaxe.

* Abraham Boba toca este sábado 21 de abril no Auditorio do Concello de Vigo (da man de Coconut Producciones). E, por suposto, tamén encheu unha disqueficha.

Fotos | Andrés Fraga e Disquecool

Shares

2 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *