Destacados, Tecnoloxía — 07/03/2012 16:02

Esperando o iPad 3: os rumores máis raros sobre Apple

Escrito por

hologram-3d-ipad-text-iphoneHoxe é un deses días grandes para fanboys e fangirls: Apple presentará nun rato o iPad 3 (ou iso espera todo o mundo) e por fin saberemos que rumores sobre o tablet son certos e cales non. Pero para facer a espera máis amena, decidimos profundar na relación entre Apple e os rumores ao longo da historia, atopando cousas verdadeiramente fantásticas e raras.

Por que hai rumores tan curiosos sobre Apple e non sobre outras compañías? Steve Jobs ten parte da culpa, xa que foi el quen fixo da empresa algo máis, quen dotou a Apple do verniz case relixioso. Iso sumado ao secretismo co que a compañía prepara todos os seus produtos deixa o terreo perfecto para empezar a especular. E todo o mundo sabe que Apple sorprende, así que por que poñer límites á imaxinación á hora de sacar rumores? Aquí vai a nosa pequena selección, os cinco rumores máis raros sobre Apple:

5. Apple compra… Se todos os rumores sobre as compañías que Apple tería pensado comprar fosen certos, a compañía sería propietaria de case o mundo enteiro. Os rumores máis disparatados foron sempre, claro, os que se referían á compra doutros imperios: Nintendo, Universal, Sony, Disney… Sobre todos eles houbo rumores e o peor é que moitas veces é posible que esas conversacións efectivamente existisen.

4. Baixadas de prezos. Este é un deses rumores que saen con certa frecuencia, quizais lanzados para ver se Apple colle a idea e decide facelo. Xa se falou de Macbooks baratiños, e de iPhones de gama baixa (??). E ata hai pouco dábase por sentado que Apple lanzaría un novo iPad destinado tamén a ese sector do mercado con menos recursos. A realidade? Por moito que o desexemos, Apple non vai a facer nunca ese movemento porque non o necesita. Xa sabedes, están por riba de todas esas cousas e son perfectamente conscientes de que a xente gastará o que sexa necesario nos seus dispositivos.

3. O yBook! Empezamos cos rumores específicos sobre produtos. O do yBook é realmente fantástico: foi lanzado á rede en 2001 polo sitio Crazy Apple Rumors (o nome xa o di todo), pero seguro que houbo alguén que o deu por certo. Que é o yBook? Un portátil (o sucesor do iBook, claro) que ía estar dispoñible en cores de nomes tan fermosos coma fresa, uva, mandarina, lima, neve, ou Flower Power e, o máis impactante, tería unha pantalla de 120 polgadas!! Para e pensa: os portátiles máis grandes teñen pantallas de 16,5 polgadas máis ou menos. Sería o yBook pregable? Na web tamén dicían que cando se lle preguntou a Steve Jobs polo yBook non o negou, senón que deixou KO aos xornalistas cunha serie de chaves de artes marciais e escapou nun helicóptero cun logo grande de Apple.

2. Apple abandona Mac OS X por Windows! Este é se cadra máis divertido aínda que o do yBook, sobre todo porque neste caso non se trataba dunha broma. O pobre xornalista que se atreveu a dar esta noticia foi John Dvorak, de PC Mag. Segundo afirmou no seu artigo (de 2006), todo tiña lóxica (??) e sería un movemento similar a cando Apple empezou a usar os procesadores de Intel.

1. O iPad xerará hologramas. Este rumor é dos principios da era tablet, xusto antes de que Apple lanzase o seu primeiro iPad. Á tableta orixinal atribuíronselle toda clase de propiedades máxicas e case mitolóxicas, pero esta é sen dúbida a mellor: o iPad proxectaría hologramas! Por fin, décadas despois de ver a maxia dos hologramas na Guerra das Galaxias, poderíamos ter conversas cos nosos amigos como se fósemos a princesa Leia. Por suposto, non era certo. Pero foi un rumor ben bonito! Iso si, hai apps que permiten xa facer algo moi similar, aínda que o de falar con outra persoa aínda non se conseguiu.

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...


Comparte en Chuza Difundir a nova en Cabozo

Deixa un comentario

— obrigatorio *

— obrigatorio *