Maruja Mallo, pintora de vangarda e muller moderna

maruja malloCando era un neno, o sobriño de Maruja Mallo ía visitar o piso en Madrid no que vivían moitos dos seus tíos solteiros e no que tamén se deixaba ver a súa tía. A súa tía Maruja era “entusiasta e divertida”, unha muller que aos seus ollos de neno lía moito, sabía moito e facía cousas un tanto exóticas como deixarse caer pola casa simplemente porque precisaba a tele para ver un documental que ían botar. Cando o sobriño empezou a mostrar interese pola pintura, a tía comezou a levalo a galerías e falar con el de pintura. “Máis tarde dinme conta de que Maruja Mallo, a miña tía, era un xenio da pintura”, di o sobriño a Tánia Balló, que dedica á pintora un capítulo no seu Las sinsombrero, o libro que acaba de editar Espasa sobre as mulleres esquecidas da Xeración do 27 e que é, en realidade, unha pata máis dun proxecto moito máis ambicioso e trasmedia (no que tamén hai un documental que podedes ver aquí).

Mallo foi unha desas mulleres que quedaron difuminadas e un tanto esquecidas por culpa da Guerra Civil e da ditadura. “Sen esaxerar, é a gran pintora do século”, di un especialista sobre o papel de Maruja Mallo na pintura española ante as cámaras do documental de Las sinsombrero, sinalando que nada ten que envexar a pintoras tan populares como Frida Kahlo. Por que é por tanto que hai bonecas de Frida Kahlo, xogos, multitude de libros, películas e unha morea de cousas máis e sen embargo Mallo é case unha descoñecida para o gran público? A culpa tena a historia. E se cadra España.

antro de fosiles

Cando Mallo volveu a España tras anos de exilio e tras ano de traballo no exterior, ninguén sabía xa quen era ela. E o certo é que non só foi medio esquecida en vida polo público senón tamén polos seus contemporáneos artistas (e dun xeito moito máis malvado) Como di Balló no seu libro (e como lle aconteceu a outras mulleres deses anos 20 e 30, a que foi a ‘idade de ouro’ das mulleres na historia de España recente, como di outro dos expertos ás cámaras do documental, mentres que para os homes só foi ‘a de prata’), os grandes artistas do momento, a pesar de que estiveron moi relacionados con ela e a pesar de Mallo foi unha muller moi importante do momento e moi influínte, case non a mencionaron (se o fixeron) nas súas memorias.

la verbena

Maruja Mallo foi unha muller afortunada (de entrada). Era unha máis dunha morea de irmáns, pero o seu pai era un home convencido do valor da educación e fixo da nena, nacida en Viveiro no 1902, unha persoa educada e formada. A familia foi cambiando de enderezo pola xeografía española (o pai traballaba en Aduanas) pero cando Maruja cumpriu 20 anos marcharon vivir a Madrid, onde a pintora entrou a formarse na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando. E aí comeza a vida de Maruja nesa época tan emocionante e bulliciosa, tan vangardista, na que ela foi unha peza con valor por ela mesma. A pintora non acabou a formación regrada (non o fará ata os anos 30, cando a morte do pai lle fai querer facerse cun posto de profesora para ter uns ingresos regulares para axudar á súa ampla familia e a converterá en mestra nun instituto de Castela), pero fixo grandes escapadas a Europa que lle permitiron entrar en contacto coas vangardas das vangardas ou expoñer en París (onde puido quedarse, o que tería posiblemente cambiado moito a súa sorte).

Ademais de pintora de vangarda, Maruja Mallo foi claramente unha moderna e unha moderna con todas as da lei. Tivo a vida amorosa que lle veu en gana (“seguramente namorou de todos cantos homes quixo”, escribe Balló) e foi parella de Alberti (“un gran drama romántico”, contan en Las sinsombrero) ou de Miguel Hernández. E non, nunca casou (ben por ela!).

sorpresa do trigo

Sorpresa do trigo

Entre os anos 20 e 30 era unha das grandes figuras da vida cultural e unha das artistas coñecidas. Durante os anos da República foi ademais desenvolvendo un cada vez maior compromiso político e colaborou coas Misiones Pedagógicas. No verán do 36, Maruja estaba en Galicia (a onde viñera coa súa parella do momento, o líder sindicalista Alberto Fernández Mezquita), onde a sorprendeu o golpe de estado e onde temeu pola súa vida (neses meses de verán estivera participando en mitins e en actos pro-República). Durante seis meses estivo agochada na casa en Vigo do seu tío e, se conseguiu saír de Galicia, foi pola mobilización dos seus contactos no estranxeiro. Maruja cruza a Portugal, pasando a pé a ponte en Tui levando o seu cadro Sorpresa do trigo con ela, e marcha á Arxentina.

Non volvería ata os anos 60, cando ninguén se lembraba dela e cando ela non recoñecía ese Madrid gris que pouco tiña que ver coa cidade que ela deixara nos anos 30.

Imaxes: Museo Reina Sofía e Consello da Cultura Galega

Shares

2 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *