Arissa: o fotógrafo das vangardas ao que a guerra silenciou

A fin da Guerra Civil tivo moitas consecuencias. Algunhas foron máis xerais, outras afectaron dun xeito máis directo ás persoas concretas. A Antoni Arissa, a fin da Guerra Civil levoulle a súa arte. No mundo da posguerra e no mundo da ditadura, poucas oportunidades había para ser un fotógrafo de vangarda. Na España gris dos anos 40, pecharon as revistas que recollían as últimas tendencias e remataron tamén as exposicións de arte moderno e de última xeración. Nesa España tan diferente a das dúas décadas anteriores, Antoni Arissa gardou a súa cámara de fotos. E gardada permanecería, coa súa obra, ata que moitos anos despois o seu corpus fotográfico foi recuperado e convertido en material de exposición. Porque Antoni Arissa, ou simplemente Arissa, como firmaba a súa obra, fora un moi interesante fotógrafo das vangardas.

arissa beso disquecool

As súas fotografías están sendo agora recuperadas. O ano pasado protagonizou unha exposición de fotografía na Fundación Telefónica en Madrid, que foi un primeiro paso para facer más coñecidas as súas fotos. Agora esa exposición acaba de chegar a Santiago, onde estará ata mediados deste mes no Centro Galego de Arte Contemporánea, o CGAC, con entrada libre (como sabedes o CGAC ten entrada gratuíta) para quen desexe aventurarse a descubrir as obras deste autor que xogaba coas luces, as sombras e as composicións.

Arissa foi un autodidacta. Naceu en Barcelona en 1900, nunha familia de tipógrafos. Cando era aínda moi novo, fíxose cargo da imprenta familiar. Isto non lle impediu lanzarse a descubrir a fotografía e, de xeito paralelo, entrou a formar parte do círculo dos pioneiros da fotografía artística en Barcelona. Arissa comezou (como todos naquela época) a facer fotos pictorialistas, esas que intentan captar en imaxe fotográfica paisaxes ao estilo dos grandes cadros e desa época son as súas fotos do rural catalán. Mulleres, nenos, campesiños dignos do famoso cadro de Millet… Esa primeira etapa é a que resulta menos atractiva para o espectador actual.

arissa manos disquecool

Sen embargo, Arissa non se mantivo ao marxe dos cambios e estaba á última do que os artistas das vangardas estaban a facer en Europa. As asociacións fotográficas nos anos 20 e as revistas modernas que se publican nesa época fan que as posicións dos artistas das vangardas, tanto europeos como estadounidenses, cheguen a España e que os fotógrafos do país coñezan e experimenten con esas posicións. E o que fai Arissa, que a finais dos anos 20 e sobre todo nos anos 30 comeza a probar con estas formulacións. As súas fotos entran na modernidade.

E así, no canto de captar ensaiadas imaxes pictorialistas, Arissa comeza a capturar pequenas cousas (moitas das fotos que se poden ver na exposición están feitas na súa casa) e a xogar con elementos para crear imaxes que xogan con outros elementos. E esas son as que acaban capturando ao espectador moderno.

Fotografías | Colección Telefónica © Herderos Arissa 2015, cortesía do CGAC

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *