Os pictogramas son disque cousa de nenos. Para eles están pensados eses libros cheos de debuxos e de contidos gráficos que din unhas cantas cousas cun golpe de vista. Poñemos o de disque porque cada vez son máis os libros que os están empregando para conectar cos adultos (ao final… non vivimos na era dos memes e de todas esas cousas gráficas?) e para presentar as cousas dun xeito distinto. É o que fai a deseñadora gráfica Yang Liu, que ten varios libros de pictogramas (un analiza a loita de xéneros e outro o choque cultural Oriente/Occidente) e que acaba de lanzar un novo comparando o mundo de onte co mundo de hoxe (e claro está con moita retranca). Liu demostra como seguimos facendo máis ou menos as mesmas cousas pero como as facemos dun xeito distinto ou como o que antes era unha cousa agora é outra.
Así, agora non están a evadir impostos os que o fan senón que crean empresas subsidiarias ou seguimos a ler co almorzo pero agora o facemos en pantalla. As súas imaxes falan por si mesmas. O libro está editado por Taschen.
Copyright imágenes: Yang Liu Design / TASCHEN