O que nos deixou o Off Culturgal

Foi unha das actividades que se desenvolveron no Garaxe do Culturgal: o Off Culturgal, o escaparate da creatividade que permite coñecer ideas, empresas ou proxectos innovadores e diferentes que xa se están a desenvolver ou que poden facelo en breve. Presentado por Belén Regueira (unha mestra de cerimonia que conseguiu que ata os máis tímidos fixesen as súas preguntas!), o Off Culturgal (que comisariabamos nós) permitiu coñecer propostas de todo tipo.

Por se non puidestes estar ou non fostes quen de seguir as presentacións no hashtag de Twitter (#offculturgal), deixámosvos un resumo co que se presentou:

Proxecto Carcere no Off Culturgal organizado por Disquecool

Proxecto Cárcere. A aventura para recuperar para a cidadanía a antiga cárcere provincial da Coruña acaba de facer os seus primeiros dous anos. Todo comezou cunhas xornadas nun instituto local, nas que se falou de recuperación de espazos. O cárcere, entón esquecido e non empregado para ningún fin, semellaba unha boa proposta para aplicar o aprendido. Detrás do empuxe para converter ese espazo de represión nun lugar de convivencia libre para uso da cidadanía están varias asociacións cidadás, que se uniron nunha fundación común e que xa deseñaron un plan de sostenibilidade para o edificio. Aínda que en 2011 o cárcere foi aberto á sociedade, agora mesmo está pechado e sen uso, e as instalacións empezan a mostrar un aspecto ruinoso.

Pot-age no Off Culturgal organizado por Disquecool

Pot-age: Un mix de hortas urbanas e cosmética DIY. Detrás están unha farmacéutica e unha paisaxista, que se encargan de dar as ferramentas para poder construír unha pequena horta na casa (por exemplo, pódese cultivar todo o preciso para preparar unha receita concreta) ou os ingredientes para facer cosmética completamente natural na casa.

Lab Rural no Off Culturgal organizado por Disquecool

Lab Rural: Unha proposta autofinanciada que mestura tecnoloxía, arte e innovación no medio rural. O único que piden é que o núcleo teña menos de 500 habitantes para levar alí as súas perfomances e as súas outras distintas propostas artísticas. Polo momento, só fixeron actividades fóra de Galicia, pero están desexando atopar unha aldea galega na que desenvolver o seu proxecto. Lab rural estrutúrase baixo o formato de obradoiros grupais sobre código aberto, arte rural, open energy, patrimonio arquitectónico e agricultura ecolóxica.

Marujita Alegre no Off Culturgal organizado por Disquecool

Marujita Alegre: A historia de Marujita Alegre comezou cunha nena que vía coser ás súas avoas. Anos despois esa nena converteuse no centro dun proxecto de moda cunha base 2.0 que vai máis alá do mundo único do vestiario. Ao principio, Marujita Alegre (construída arredor dunha personaxe e con presencia en redes sociais e na blogosfera) eran só saias, pero agora tamén son ponchos e vestidos, todos feitos a man.

Música no Claustro no Off Culturgal organizado por Disquecool

Música no Claustro: Un festival de música como arte interdisciplinar e social que cada ano se celebra en Tui e no que non se programa o que queren os seus xestores senón o que vai coa localidade nese momento. Leva oito anos operativo e son independentes, non dependendo de ningún organismo. Que é un festival diferente o deixa claro unha curiosidade: cada ano un ilustrador participa no mesmo e vai plasmando a súa visión do que ve.

VideodinamizARTE no Off Culturgal organizado por Disquecool

VideodinamizARTE: Non son obradoiros de vídeo, a pesar do que poida parecer nun primeiro momento. É algo máis: un proxecto psicolóxico-audiovisual. Parten da certeza de que toda actividade creativa ten como punto común a expresión dunha parte persoal e intransferible do axente creador, que coa súa acción libera, mostra e plasma nun produto final que pode ser apreciado polos demais. Os seus primeiros usuarios foron prexubilados das Pontes e un grupo de rapaces.

Creatividade a Rúa no Off Culturgal organizado por Disquecool

Creatividade á rúa: ou como cambiar de forma artística os espazos públicos. Os cidadáns non son conscientes de que os espazos públicos lles pertencen, así que por que non recuperala? Durante a folga do 14N, tomaron un banco da Praza Roxa de Santiago para que todo o mundo debuxase o seu malestar.

Mapa Emocional Ancares Caurel no Off Culturgal organizado por Disquecool

Mapa emocional dos Ancares – Courel: Unha idea que naceu nun bar, nunha conversa nun día de chuvia e co préstamo dunha casa. Por que viaxar sempre agardando o mesmo e non buscar o sentimento e os coñecementos dos locais? “Os recordos e as experiencias do lugar” serán as bases deste mapa audiovisual e xeolocalizado dos Ancares. Andan na procura de socio tecnolóxico.

Mimadriña no Off Culturgal organizado por Disquecool

Mimadriña. Palmira Castro quedou no paro e decidiu facer algo que lle gustaba: os seus sobriños foron o punto de partida para a súa nova ocupación. A eles gustáballes a papiroflexia e ela comezou a facerlles barquiños de papel. Agora Palmira fai con papel “cousas xeitosas”. Os sobriños seguen a ser, por outra banda, os seus directores creativos.

Fotos | Andrés Fraga

Shares

2 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *