O Play-Doc resiste en tempos de crise

Play-docO Play-Doc chega este ano ao seu oitavo cumpreanos. O festival, que é xa todo un referente no que a cinema documental se refire, levará a Tui, entre o 21 e o 25 de marzo, o mellor da produción documental actual, con numerosos filmes tanto galegos como internacionais.

Non é que teña sido fácil, pois todos sabemos que nestes meses as subvencións caen como moscas en verán, e moitos festivais esmorecen pola falta de cartos. Os directores do Play-Doc, Sara García e Ángel Sánchez, mostraron o seu entusiasmo ante a supervivencia do Play-Doc, especialmente ao ter en conta que se trata de “un festival feito desde a periferia artística e xeográfica“, con propostas pouco comerciais que se exhiben nunha localidade pequena.

Pero debemos recordar tamén que o Play-Doc crece a pasos axigantados e ata o pasado ano máis de 45000 persoas pasáronse por alí. Este ano subirá considerablemente a marca e é que o programa ben o merece.

Na sección oficial compiten cinco longametraxes documentais que son tamén exercicios de autor, e nas que atopamos nomes consagrados do documental como Victor Kossakovski ou Ben Rivers, xunto con novos (e prometedores) cineastas como Hermes Paralluelo. Entre as cinco películas da sección oficial destaca a presenza do filme galego ‘Vikingland’, de Xurxo Chirro, que compón un retrato da diáspora galega a través de cintas de vídeo gravadas por un mariñeiro mercante da Guarda.

Fóra da sección oficial tamén atoparemos moitas propostas suxerintes como poden ser os documentais autobiográficos de Ross McElwe ou unha retrospectiva do cineasta armenio Artavazd Pelechian. Hai tamén unha sección dedicada ao cinema galego coa participación  de nove filmes entre os que cabe suliñar ‘Tralas Luces’, de Sandra Sánchez, sobre o mundo dos feirantes.

Outro prato forte do  Play-Doc é o concerto de Morphine o 24 de marzo na sala Metropol.  Coma sempre, buscouse unha proposta de película+concerto, e así, nesta edición poderemos ver tamén un documental sobre a mítica banda dos 90.

Comezamos falando do difícil que era para un festival destas características pervivir en tempos de recortes orzamentarios. Por iso, este ano, non só imos asistir o Play-Doc, tamén podemos facer algo máis. A plataforma Play-Doc Support permite colaborar economicamente co Festival, facendo achegas da cantidade que se desexe. Con aportacións a partires de 10€ recibiremos chapita de colaborador e  2€ de desconto nos concertos. A partires de 50€ conséguese unha acreditación especial que permite acceder de maneira gratuíta a todas as proxeccións, concertos ou actividades programadas polo Play-Doc.

Esperemos que así o Festival Internacional de Documentais de Tui poda cumprir moitos máis.

Shares

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará