O Play-Doc é xa todo un referente no que a documental de autor se refire, e probablemente sexa unha das cousas máis esperadas de cada mes de marzo (xunto coa primavera, claro). Este ano chegará antes o Play-Doc, que se celebrará en Tui entre o 13 e o 17 de marzo e nos amosará diversos filmes documentais lonxe das convencións e difíciles de atopar, o que fai este festival de cine moi atractivo.
Son xa nove anos celebrando o Play-Doc, e cada ano preséntasenos unha selección do mellor feito ultimamente no cinema documental, xunto con retrospectivas a autores máis consagrados e un lugar de honor para o documental galego. Polo festival pasaron ao longo da súa historia filmes de grandes do xénero como Raymond Depardon, Rithy Pahn, Avi Mogravi ou Marcel Lozinski e este ano non será menos. Máis alá da sección oficial, o punto forte desta edición será a presenza do realizador Albert Maysless, un dos pioneiros e máximos expoñentes do cinema directo americano dos anos 60. O sábado dará unha charla onde repasará os seus case 60 anos de carreira, e ademais ao longo dos catro días poderemos ver algúns dos seus filmes, nos que a través de personaxes famosas como os Beatles, Truman Capote ou familiares de Jacqueline Kennedy Onassis abordan que cuestións controvertidas da América materialista: a fascinación polas celebridades, a contracultura, o capitalismo feroz ou as relacións familiares.
Tamén fóra da competición oficial atoparemos unha retrospectiva dunha figura esquecida do cinema cubano, Nicolás Guillén Landrián, un concerto tamén inspirado na illa caribeña co sorprendente universo sonoro de Kumar Sublevao-Beat, e a xa tradicional mostra do documental galego, coa reproducción de 6 documentais que apostan por unha ollada persoal e intransferible sobre temas próximos como a paisaxe, o mundo rural, a emigración, a memoria, ou o devalar do tempo.
Por último, na sección oficial cinco títulos, de países tan dispares como China, Bulgaria, Estados Unidos, Irlanda ou Galicia , competirán polo premio. Entre as favoritas figura ‘Tres irmás- soas’ do veterano cineasta chinés Wang Bing sobre o día a día de tres nenas nunha aldea illada. A seleccionada galega deste ano é ‘Arraianos” de Eloy Enciso, un retrato complexo e sorprendente, a través da experimentación formal, da fronteira entre Galicia e Portugal.
Como sempre, este ano tamén podemos colaborar co festival a través de doazóns económicas, porque non é este un momento fácil para un cinema documental, afastado do comercial, e que aposta pola innovación. Podes ver toda a información, así como o programa, na web do Play-Doc 2013.
1 comentario