Películas nominadas ao Oscar: quiniela e vídeos para a fin de semana

Este domingo danse os Oscar. Diredes vós que a nós que nos importan, que a semana pasada xa se deron os Goya e que se o vemos así polo do próximo haberá que agardar ao 6 de abril que dean os Mestre Mateo. Malpocados! Os Oscar son os únicos premios que de verdade importan: levar premio implica que todo o mundo vai falar da túa película de aquí a moito tempo e sobre todo que o filme vai facer unha caixa impresionante. Na recta final, todo o mundo está a facer quinielas sobre quen vai gañar o que e nós non quixemos ser menos.

A nosa quiniela é especial porque fixemos os deberes de mala maneira. Vamos, que ninguén da redacción viu todas as películas candidatas. Por iso, o análise de probabilidades que ten cada película de gañar vai asinado por unha experta diferente (agradecemos a María, que é a nosa experta e conselleira en cine na sombra a súa colaboración a luz de día). Ademais da nosa predición, vai unha asinada por unha empresa de big data, que aplica unha tecnoloxía que da un pouco de medo (basean as súas afirmacións a futuro en análise de cantidades incribles de datos e coñecen aos consumidores mellor que as súas respectivas nais) e que ten a fiabilidade do software de millóns de dólares. Comezamos!

1. Lincoln. Unha historia sobre o pai da patria (a deles, non a nosa) asinada por Steve Spielberg (case seguro mellor director) e protagonizada por quen vai levar segundo di todo o mundo o Oscar por mellor actor,  Daniel Day-Lewis. Moitos xa nos dixeron que é un tostón e que case mellor ver ‘Lincoln, cazador de vampiros’

María di: Se non o leva ‘Argo’, vai gañar ‘Lincoln’, cun 60 a 65% de posibilidades. É unha película para iniciados na historia de Estados Unidos ou xente que non lle importe que a trama sexa lenta. Isto dio unha persoa que se quedou durmida a media película, así que pode que hai un xiro moi inesperado (Confirmamos por fontes que viron a película ao 100% que tal xiro non existe e que todo é igual).

O big data di: 8,8% de posibilidades. Nin sequera é a segunda en probabilidades de levarse o Oscar.

2. Argo. A finais dos anos 70 Irán e EEUU non era nada amigos (aínda menos que agora) e o sha, que estaba a morrer dun cancro e que acaba de ser expulsado de Irán, refuxiouse nos Estados Unidos. As protestas de Irán acabaron na crise da embaixada estadounidense en Teherán, cando os manifestantes que protestaban polo do sha na porta da embaixada entraron nela e tomaron a todos os traballadores como reféns. Só conseguiron escapar uns poucos, que se refuxiaron na embaixada do Canadá e a quen un imaxinativo espía da CIA, Tony Méndez, ten que sacar do país usando una sorprendente técnica.


Raquel di: Unha película entretida e ben levada (que fai que penses que Canadá é o mellor país do mundo) pero que tampouco é tan impresionante como para estar levando tantos premios. Ten momentos divertidos (as propostas da CIA no comezo para sacar aos reféns son completamente WTF, como podedes ver no tráiler) e vese moi ben, pero non penso que vaia a cambiar a historia do cinema.   Aínda así, penso que vai levar o Óscar, a menos que pase unha cousa super sorprendente. Todo o mundo está a falar dela e o mensaxe é super Hollywood. Doulle probabilidades do 90%.

O big data di: Temos gañadora (e leva séndoo dende que comezaron a presentar resultados de medición de datos) cun 45,6%.

3. Os Miserables. De verdade temos que contar de que vai? Se xa fixeron unha chea de miniseries!!! Baseada nunha das novelas máis populares de Victor Hugo: un galeote que fuxe da vida miserable á que foi condenado por roubar pan e que consegue redimirse converténdose nun home rico e protector dos pobres e un executor da lei que fai de atopalo a súa obsesión vital durante os comezos do século XIX francés son os protagonistas dunha historia completísima con amor, perdón, miseria, sacrificio e todo o que se pode agardar dun clásico.

Ana di: Probabilidades de gañar 23%. Eu saín do cine dicindo que tiña que levar moitos Oscars (é moi ao grande, unha historia universal con amor, desamor, xustiza, inxustiza, ben, mal, culpa, perdón -aínda que todo isto é cousa de Victor Hugo, claro), pero parece ser que non moita máis xente pensa que isto vaia a ser así. O que si está claro é o de Anne Hathaway e, algo menos claro pero con posibilidades, o do son e quizais a canción orixinal.

O big data di: Non deberían facerse ilusións. Só un 0,4% de posibilidades de gañar.

4. Django desencadeado. Unha historia sobre a escravitude diferente (e tanto!) Django é fichado por un cazarrecompensas para axudalo no seu traballo coa promesa de atopar logo á súa desaparecida muller. E Leonardo DiCaprio é o villano!!

María di: É Tarantino en estado puro: ‘Kill Bill’ pero na época dos escravos. É un peliculón (sempre que che guste Tarantino). Os personaxes están moi ben rematados e é unha mágoa que Jamie Foxx non vaia levar o Óscar como mellor actor e que Leonardo DiCaprio non estea nominado. Christoph Waltz gaña fixo. Polo factor sorpresa pode ter o 35% de posibilidades de gañar. Aínda que ten detrás aos irmáns Weinstein, non están apostando tanto como por ‘O lado bo das cousas’.

O big data di: Mellor que agarden sentados o de ir polo premio. Un miserable 0,2% de posibilidades de levar o premio.

5. O lado bo das cousas. A muller de Pat fixo algo terrible e conseguiu que a súa mente rompera. Está nun psiquiátrico, pero a súa nai vaino buscar para darlle a oportunidade de mellorar na casa. Pat ven cunha nova filosofía da vida que vai cambiar a súa vida e a daqueles que o rodean.

Raquel di: Non vexades o tráiler que fixeron para España que, aínda que a canción mola, está feito por un inemigo que quere fastidiar a película. Foi a sorpresa das nominacións (aínda que cando María che explica como traballan os irmáns Weinstein, que son coñecidos como a fábrica de Oscars e que conseguen auténticos milagres podes entendelo todo) e é unha sorpresa descubrir que Bradley Cooper tamén sabe actuar. El non vai gañar o Oscar aínda que todos dan xa como favorita (big data tamén) a Jennifer Lawrence, a protagonista feminina (e quen tampouco é que o faga tan ben, sobre todo cando compite coa protagonista de ‘Amour’). Eu digo que se ‘Argo’ non gaña, vanllo dar a estes, xa veredes. Así que 8%.

O big data: 17,7% de probabilidades de ser a mellor película do ano e a segunda en liza.

6. Bestas do sur salvaxe. Unha nena ten que sobrevivir nunha tormenta no sur de Estados Unidos: sorprendente poesía nas miserias do mundo contemporáneo.

Ana di: Probabilidades de gañar 25%. Sería a gran sorpresa, tan grande, que posiblemente non vaia a acontecer. Xa sabedes que eu opino que merece o Oscar (aínda que tamén llo daría aos ‘Miserables’ sen dubidalo -para min que canten é un plus!), pero sería raro. Quizais leve o mellor guión para non ir coas mans baleiras.

O big data di: Ten as súas posibilidades. É a cuarta película mellor posicionada, cun 10% de probabilidades e adiantando a filmes de grandes produtoras. É a clara aposta indie.

7. Amour. Unha parella de anciáns que vive no París contemporáneo ten que enfrontarse ao deterioro físico da muller. Unha historia terrible e asinada por Michael Hanneke.

Raquel di: Eu penso que unha boa película é aquela que ten un efecto en ti. E eu botei unha chea de días con ‘Amour’ metida na cabeza despois de vela. É unha historia incrible, cunha presentación brillante que fai que entres na vida dos seus protagonistas e cunhas actuacións incribles. (De aí que non poda comprender como a protagonista de ‘O lado bo das cousas’ é a favorita) Penso que debería gañar, pero son realista na miña quiniela e doulle un 2%.

O big data di: A terceira en probabilidades cun 12,6%.

8. A vida de Pi. Aquí comezamos coas que ningún de nós viu. Esta a min dáme unha preguiza incrible (dáme medo que sexa como quedarse atrapada unha semana sen poder saír nunha tenda Natura) así que se alguén pode deixar un comentario sobre ela que o faga! Un rapaz queda atrapado nunha balsa á deriva cun tigre. (E todo iso seguro que significa unha chea de cousas)

O big data di: 3,7% de posibilidades de ser a mellor película do ano.

9. A noite máis escura.  Ou como a CIA rematou con Bin Laden.

O big data di: 1,1% de posibilidades (aínda que o tema semellaba moi prometedor para convencer aos académicos!)

E os bonus track para facernos perdoar vir cos deberes a medio facer: 

María recomenda este sublime artigo de Vulture no que diseccionan os ingredientes de cada película (para que vos fagades unha idea do divertido que é  ‘A vida de Pi’ é polo menos 45% anuncio de Frutopia e ‘Bestas do sur salvaxe’ máis ou menos o mesmo de auga). 

Ana fai unha previsión noutra categoría: “A mellor curta será Paperman!” 

E Raquel invita a facer un seguimento da alfombra vermella en Twitter se AP este ano tamén da o sinal en aberto. 

Shares

3 comentarios

  • Alicia di:

    Eu vin A Vida de Pi! teño que decir que comecei a vela moi en contra da miña vontade porque por algún motivo me recordaba ás Crónicas de Narnia (supoño que o tigre :P ). O caso é que non vin esta última pero sempre me pintou moi moi mal, non son quen de verlle o atractivo…Pero ao que vou, A Vida de Pi é bastante bastante boa, eu non lera nada sobre ela, nin vira ningún trailer e estou gratamente sorprendida, tén efectos preciosísimos e tamén revolve as entrañas de vez en cando, iso é importante. Moito mellor que O Lado Bo das Cousas, sen dúbida algunha (non entendo que fai esa película entre as nominadas); e sen dúbida ningunha tamén, non teñen nada que facer ao lado de Amour, nin estas nominadas nin o resto de nominadas da historia!!! aí o deixo :)
    P.D. A de Tarantino tería algo que facer ao lado de Amour pero que se lle vai facer, é Tantino, non pode facelo mal. Como un colega dixo, xa só a escena das capuchas brancas merece o Oscar.

  • vanessa di:

    A o final “A vida de Pi” foi moi recoñecida e tamen “Amour” como mellor pelicula de fala non inglesa. Alegrome… pero a miña filla encantoulle que levara premio “Brave” que a viu no cine o peor e que teñeme loca con a cancion de “Rompe Ralph” e dicir o grupo que a canta ” Auryn”, e preguntame que cal e mais guapo e seu pai respondelle ” A tua nai xa ten mozo que son eu ” jajaja

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará