A piques de chegar ao 14 de febreiro, non está de máis confesar que nós tamén temos o noso corazonciño. Que si, San Valentín é unha data definitivamente charramangueira (a pesares da avalancha de manualidades vermellas en pinterest) pero o amor non está tan mal, non? Falo do amor feliz, nada de paixóns de pechar portas ou tirar pratos ou chorar a cada pouco, o amor bonito, o amor que acaba ben.
As comedias románticas son un xénero deostado por unanimidade, e non nos atreveremos aquí (por moi fans que sexamos) a recomendar filmes como ‘Que lles pasa aos homes’ ou ‘O diario de Bridget Jones’. Pero si repasaremos algunhas películas: rapaz coñece rapaza, rapaza bica rapaz, rapaz e rapaz teñen X problema, rapaz e rapaza quérense por sempre -ou como mínimo ata o final da peli). Algunhas son boísimas e outras só entretidas, pero todas te permitirán gozar dunha historia de amor sen quedar mal diante dos amigos.
10 filmes de amor cool para preparar a semana máis romántica do ano!
1. Moonrise Kingdom – Wes Anderson
Unha historia de amor naif entre un neno un pouco torpe con ansias de explorador e unha nena bastante rara pero de bo corazón. Xa vola recomendamos alá por xuño.
2. Eduardo Manstesoiras – Tim Burton
Un clásico de Tim Burton que non é, no fondo, máis que unha preciosa historia de amor. Non podemos dicir que acabe ben, pero sen dúbida merece estar aquí.
3. Submarine – Richard Ayoade
Se algo podemos concluír con esta lista, é que o amor antes dos 16 mola moito máis que despois. Ai, a inocencia.
4. Alta Fidelidade – Stephen Frears
Case tan divertida como o libro, ‘Alta Fidelidade’ preséntanos a un peter pan inmaduro que quere volver coa súa ex-noiva. Substitúe a inocencia por ironía, iso si, pero o amor, segue a ser amor.
5. Buscando un amigo para a fin do mundo – Lorene Scafaria
O máis interesante desta comedia é que o amor xorde cando quedan poucos días para que acabe o mundo. Aí si temos fácil un amor parasempre.
6. Paper heart – Nicholas Jasenovec
Interesante filme que mestura o documental (xente comentando que cren que é o amor) cunha típica historia de amor.
7. Algo en común – Zach Braff
Rapaz depresivo volve á aldea natal e descóbrese a si mesmo e o amor todo en un.
8. Juno – Jason Reitman
Parece que ter un fillo con 15 anos para dalo en adopción é o mellor que lle pode pasar a calquera, pero quitando esa falta total de verosimilitude é ben divertida.
9. Eu, ti, e todos os demais -Miranda July
Dous seres disfuncionais (que é o que triunfa no amor indie) que xuntos funcionan.
10. Harold and Maude – Hal Ashby
Un clásico das historias de amor protagonizado por un adolescente obsesionado coa morte e unha septuaxenaria.
“Me, you and everyone” recomendo a qq um
Moitas grazas pola lista, apunto unhas cuantas.
Particularmente encantoume “Moonrise kingdom”, marabillosa.
Engadiría, se buscamos bos diálogos, as de Antes do amencer/anoitecer e Buscando un bico a medianoite.
Máis recentes, As vantaxes de ser un marxinado e, por que non, Amor.
Eduardo Manstesoiras……a miña favorita. Pero tamén recomendo “Antes do amencer ” como Lourdes. ” Habitacions con vistas” a miña preferida.