Oscar para ‘Bestas do sur salvaxe’, por favor

Bestas do sur salvaxe

‘Bestas do sur salvaxe’ é o filme no que aprendes a diferencia entre raro e diferente. Non é unha película rara (a estrutura é clara, a linguaxe cinematográfica tamén) e, sen embargo, é tremendamente diferente. Desfrutala require saír da armazón de prexuízos e ideas coas que vivimos, limpar a mente e deixarse levar. Temos que ser Hushpuppy, ter seis anos e aceptar que as cousas son así. O seu mundo é o noso, con corazóns que latexan ata que un día paran, tan só hai que decatarse.

‘Bestas do sur salvaxe’ é a pequena historia de Hushpuppy, unha nena de seis anos que vive co seu pai na comunidade de “A Bañeira”: un lugar de chabolas en Louisiana, arrodeado de pantanos e separado do mundo “civilizado” por un dique. A comunidade vive co constante medo a que chegue unha tormenta e somerxa as súas casas baixo a auga. Si, todos pensamos en Nova Orleans e o furacán Katrina e así está ben.

Esta pequena sinopse non di en realidade nada do que é a película, esa mestura entre o real e o máxico nun mundo no que maxia hai ben pouca. Pero lembra que temos seis anos e que aínda sabemos entender o universo. Hushpuppy non ve que o seu pai é un alcohólico e demasiado agresivo e que viven en condicións que fan que o mundo “civilizado” se escandalice. Hushpuppy ve un mundo máis bonito que o que hai ao outro lado do dique, un mundo de contacto directo coa natureza, un mundo no que pode contar cunha comunidade cada vez máis pequena.

Cando chega o desastre natural, cando chegan a tormenta e a enfermidade do pai e as bestas do sur salvaxe que buscan aos animais que teñen o corazón feble empezan a galopar cara “A Bañeira”, Hushpuppy ten o medo lóxico dunha nena de seis anos e a rabia e a ira dalguén educado para a supervivencia. Tan só hai que darse a volta e mirar ás bestas aos ollos. Elas marchan, unha marcha que non significa tanto a desaparición dos problemas como o enfrontarse a unha vida á que nós, os do mundo “civilizado”, ese mundo que lle pon un vestido a Hushpuppy e enchufa aos animais á parede cando enferman, sempre damos as costas.

‘Bestas do sur salvaxe’ non é máis ca iso, unha historia de medos, de natureza e de universo, de aceptar que as bestas existen, que os polos se están a derreter e que os pais, os teus pais, morren. Un decatarse de que todo o que gañou o mundo civilizado en hixiene perdeuno en consciencia de onde vivimos e de que é a vida. Que se algo rompe nalgunha parte do universo, a catástrofe pode ser inmensa. E non podemos chorar porque non hai tempo, porque está prohibido. Pero sentados nas butacas sabemos que Wink, o pai de Hushpuppy, non nos pode ver. E os nosos ollos si se enchen de bágoas.

* ‘Bestas do sur salvaxe’ é a película “pobre” dos Oscars deste ano, filmada cun presuposto de 1,5 millóns de dólares, dirixida por un debutante, Behn Zeitlin, e protagonizada por unha nena de seis anos, Quvenzhané Wallis, e un panadeiro que non deixou nin un día o seu traballo na panadería para filmar a película, Dwight Henry. A inocencia limpa de sentimentalismos, esa inocencia que dalgunha forma ataca a toda a nosa vida occidental, fai que, ao meu parecer, mereza o Oscar. Nominada a Mellor Película, Mellor director, Mellor guión orixinal, e Mellor Actriz.

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *