Teatro á feira: obras e tapas

Teatro á feiraUnha tarde calquera, pensas nalgúns plans posibles: cine, dar un paseo, tomar un café, ver unha peli en casa… Salvo xente especialmente interesada no tema, poucos consideramos ir ao teatro. Posiblemente nin saibamos que poderíamos ver nin o vaiamos buscar, pero sobre todo, o teatro é unha actividade especial, ocasional, non algo que xurda en calquera momento como alternativa de ocio.

Desde a acabada de fundar ATESAD (Asociación de Titulados Superiores en Artes Drámaticas) queren cambiar isto. Queren que ir ao teatro sexa tan habitual como ir a tomar unhas tapas cos amigos. Con ese obxectivo crearon o festival de teatro: “Teatro á feira: festa de teatro emerxente” que terá lugar en Vigo esta fin de semana (1, 2 e 3 de febreiro). Neste festival atoparemos todo tipo de espectáculos teatrais: obras cómicas, de monicreques, de burlesque, para nenos, de comedia negra, de danza, baseados na improvisación e mesmo de reflexión social. A súa particularidade? Que vencella o teatro coas tapas e o pracer da degustación. Primeiro gozamos dunha obra, e despois dos mellores viños ou tapas. E é que cada peza está apadriñada por un establecemento da cidade e así, coa nosa entrada ao teatro, levamos unha consumición de balde.

O prezo das entradas é de 6 euros  (3 euros para os nenos) e todas as obras represéntanse no Auditorio do Concello. Podedes ver toda a programación na súa páxina de Verkami, onde teñen aberto o micromecenazgo con distintas posibilidades para aportar cartos ao proxecto e recibir,  en agradecemento, certas contraprestacións.

En total son 8 pezas moi distintas entre si e entre as que atopamos títulos coma ‘Mambo’,’Malena, llena eres de gracia’, ‘Improperio’,’Hamster’, e as estreas ‘Con moito conto’ ‘Laranxus 7’, ‘Igual que los tuyos’, ou ‘Julieta Virtual’.  En canto aos establecementos que participan son Cafetería da Praza do Rei, café bar Cabiria, Lume de carozo, La Juakina, Maloserá, Encapríchate Country e O croquetas.

Trátase da primeira edición de Teatro á feira, pero esperan que veñan despois moitas máis. E sobre todo, que polo menos durante unha fin de semana, o teatro sexa o teu mellor plan.

Shares

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *