Por que penso que Amor debería gañar o Oscar?

‘Amor’ é unha película europea. Ou polo menos é o que eu (que non é que faga habitualmente crítica de cine) vexo como unha película europea: todo é bastante realista, a historia non fai que as cousas sexan máis bonitas ou máis agradables (como todos agardamos nos filmes chegados dos EUA) e non hai eses momentos top do emotivo nos que todos os espectadores da sala do cine botan a chorar ao conxunto. Realmente, en ‘Amor’ pódese chorar en calquera momento. A película está nominada ao Oscar (e a mellor actriz) aínda que sería un milagre que levase o premio (eu aposto por ‘Argo’, que tamén vin xa e que é entretida pero que tampouco é que vai a cambiar a historia do cine como arte).

A historia é moi sinxela. Un matrimonio octoxenario, antigos profesores de música, vive en París, facendo a vida tranquila dos xubilados que aproveitan o tempo libre para facer o que lles gusta.  A súa única filla vive lonxe e é unha figura ocasional, que aparece e desaparece da historia. Un día, Anne, a muller, sofre o que semella a primeira vista un ataque leve, pero que pronto se demostrará que é algo máis. E aí comeza unha historia realista e polo tanto terrible do que pode ser o final da vida. Sabemos, dende o primeiro momento, que non hai milagre posible: a película comeza cos bombeiros e os xendarmes entrando no piso para atopar no seu cuarto o cadáver de Anne.

Case non hai cambios de escenario, case non hai personaxes e en realidade, se o pensas ben, case non hai historia, pero todo o que consegue transmitir a película é moito máis do que esta economía (e seguramente sexa por esta economía de recursos) podería facer esperar.  A historia é o final terrible e desoladora: é imposible non saír do cine tocado polo que se acaba de ver. 

Foto | Perfil oficial Facebook

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *