Menos mal que quedan os cineclubes

CineclubesSon poucas as salas comerciais de cine galegas que apostan por un cine que se afaste das grandes superproducións americanas. Se falamos de ver películas en versión orixinal, apenas queda opción. Sen embargo, si temos onde atopar un cine diferente e sempre en versión orixinal (e non me refiro -só- a Internet). En Galicia hai máis de 10 cineclubes cunha programación máis ou menos constante, con mellores ou peores salas de exhibición, con máis ou menos público, pero todos con ganas de compartir cine de calidade e de que ese sexa o único criterio.

Case todas as grandes cidades galegas contan cun cineclube (a excepción de Coruña), pero o certo é que non estamos nun momento dourado para este tipo de asociacións culturais. Ao mesmo tempo que as salas se baleiran, tamén o fan os cineclubes, quizais porque o cine está a se converter cada vez máis nunha actividade individual, que un fai na casa, aínda que sexa na diminuta pantalla do ordenador. Desde o cineclube Lumière, de Vigo, Arturo Lorenzo resume: “Ven menos xente a ver os filmes. Cremos que porque coas novas tecnoloxías se baixan máis filmes que nunca e a xente accede a eles na súa casa”.

Non é en todas partes igual, porque na provincia de Ourense parece que os videoclubes gozan de mellor saúde. Son os de Ourense, Barco de Valdeorras e Carballiño os cineclubes que conseguiron máis espectadores o ano pasado (con 8222 , 3754, e 3550 espectadores). Desde o cineclube Padre Feijoo consideran que se Ourense é sobresaínte é pola carencia de salas comerciais: “Fíxate que Carballiño, Verín, e o Barco de Valdeorras, non teñen sequera cine comercial. E en Ourense, con só un multiplex de 8 salas, só proxectan os grandes títulos que tiran para facer caixa (con flocos de millo e refrescos polo medio) entre os máis novos”.

Outro factor esencial do cineclube de Ourense é que é o único que fai todas as proxeccións nunha sala de cine convencional. “No Cineclube Padre Feijo, houbo un incremento notable, porque ao proxectar no Cinebox, a calidade de proxección tamén se nota”. E esas películas, outsiders dos circuítos comerciais, volven ao mellor sitio posible para ser compartidas, un cine. De feito, desde o cineclube de Santiago de Compostela tamén recordan unha época dourada na que facían as proxeccións na sala Yago: “Cara a 2003/04, o cineclube proxectou na Sala Yago, actualmente abandonada polo concello, na que tanto as comodidades de visionado, como o formato de proxección (35mm.), así como a súa situación céntrica dentro da cidade, permitiron acadar cifras insospeitadas de espectadores. Lembramos unha sesión na que se pasou ‘O anxo exterminador’ de Luis Buñuel no que algunha xente tivo que sentar nos banzos das escaleiras…”.

cineclubes

Do que non cabe dúbida e de que todos os videoclubes permiten, coa súa programación regular e un prezo reducido, un acceso fácil ao cine de autor, con filmes que son seleccionados con mimo, lendo medios especializados e contrastando diferentes críticas. En canto a que tipo de películas recollen máis espectadores, desde a maioría dos cineclubes indican que son as máis coñecidas, con directores famosos, e habitualmente europeas. Así o proba o feito de que o ano pasado o filme máis visto fora ‘Un deus salvaxe’ de Roman Polanski. Desde Compostela tamén sinalan que o cine clásico consegue ás veces elevar a media de espectadores.

Entre os maiores desafíos aos que se enfrontan hoxe os cineclubes sinalan a capacidade de estimular o interese dun público que cada vez ten máis opcións para ver cine en casa, pero tamén o ninguneo da industria e das administracións, que dificultan a distribución dos filmes. E por suposto, habería que diferenciar aquí entre aqueles cineclubes que  proxectan ao marxe das distribuidoras cinematográficas e os que pagan dereitos de exhibición (e que, polo tanto, aumentan considerablemente os seus gastos).

Na páxina da Federación de cineclubes de Galicia podedes ver unha lista dos principais cineclubes de Galicia. Na maioría deles, ademais da exhibición de filmes, organízanse ciclos temáticos, charlas sobre as películas e outras actividades paralelas. E que mellor plan para unha tarde laboral fría e chuviosa que deixarte embargar pola maxia do cine. 

Foto | Castinheiro Milenario

Shares

    2 comentarios

    • xavier di:

      paga a pena ir a Ourense só por disfrutar do mellor cinema independente e en VO grazas ao cineclube! parabens aos organizadores!

    • Brian Habana di:

      é preciso dizer que na Corunha não há cineclubes porque (entre outras coisas) está lá o Centro Galego de Artes da Imagem, que apenas projecta filmes nessa cidade e que pagamos o resto do país também

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *