Chámase Morgan Spurlock e é mundialmente coñecido por ‘Super Size Me’, o documental no que decidía probar en carne propia a dieta fast food. A súa última película, estreada no festival de Sundance, ataca non o mundo da comida rápida, senón o máis perigoso dos anunciantes. “Esta será unha película transparente”, alerta no trailer do seu documental. Chámase ‘The Greatest Film ever Sold’… e, efectivamente, a cinta enteira foi vendida aos anunciantes.
Cóntano nun divertido e bastante metaxornalístico artigo na revista estadounidense ‘Fast Company’ (en papel, número de abril) no que se explica como se xestou o proxecto. Todo comezou con Heroes, a serie televisiva (na TVG para Galicia) na que unha animadora era empuxada a salvar ao mundo… a bordo dun Nissan Rogue. O product placement (esa estratexia dos anunciantes que coloca na trama dos programas e series de éxito os produtos sen o consabido anuncio de publicidade) pareceulle abusivo e decidiu facer un documental sobre iso: un documental que contaría coma el mesmo conseguía que os anunciantes lle pagasen por posicionar os seus produtos durante o que dura o filme. Filme que por certo chámase (é o nome completo) ‘Pom Wonderful Presents: The Greatest Film ever Sold’. Pom Wonderful é, por certo, unha marca de zumes.
O product placement non é novo, como explica o mesmo director no press kit que calquera pode descargarse no site oficial. Xa no XIX Xulio Verne vendeu o nome dunha das personaxes da súa novela ‘A volta ao mundo en 80 días’. E ata agora. O que sucede é que no mundo actual colar marcas é moito máis agresivo, máis vistoso: os impactos son máis e máis numerosos. E se cadra mellor colados.
Na película aceptaron participar as gafas Carrera, a aeroliña Jet Blue ou os hoteis Hyatt, que non só colocan os seus produtos no filme senón que ademais son os protagonistas do traxe co que Spurlock vai a todas partes cando fala do seu documental.
Polo de agora non se sabe cando a película vendida de forma máis aberta vai chegar a Europa.
Foto | Facebook oficial do filme
Xa é casualidade que RTVE decida emitila agora que a publicidade non enche directamente o seu peto. Faríao dous anos atrás…?