Lady Gaga, un poderoso (e explotado) reclamo publicitario

Non vou repetir a historia de como Stefani Germanotta se converteu en Lady Gaga porque xa é case por todos coñecida. Como Lady Gaga acabou sendo un negocio completamente rentable e un espello no que mirarse para as empresas de medio mundo (falade de crise mentres ela fala de reinventar o mundo reinventándose ela) é outra historia. Como acabou sendo un dos reclamos publicitarios máis importantes do mundo contemporáneo é a nosa historia. E a que segue.

Lady Gaga ten 10.324.100 followers na súa conta de Twitter. E subindo. Todo o que fai ou di acaba por converterse en polémica, en tremenda polémica, como cando insinuou, por exemplo, que era hermafrodita. Ou cando apareceu nunha entrega de premios vestida cun traxe cosido con carne de primeira. As súas palabras son afirmacións de xenio mediático. Os seus vestiarios excéntricos en realidade son apostas coidadas ao mínimo detalle pola hiperactiva Haus of Gaga, o conxunto de autores de primeira línea (modistos, perruqueiros, estilistas, etc) que coidan ao mínimo detalle a imaxe da peculiar cantante e que deberían ter o copyright da obra mestra do uso e abuso da vida moderna que é a estrela.

Así, a súa imaxe é tremendamente popular, a súa persoa rapidamente identificable e o conxunto de xente que move coa súa música e o seu discurso (ao final simplemente o seres libre para ser coma queres ser) tan potente que era de estrañar que Lady Gaga non se convertese na imaxe publicitaria máis usada e explotada deste momento. Como é que a cantante non anda a cantar Alejandro para vendernos Coca-Cola? Está sen mácula publicitaria a artista máis coñecida e extravagante dos nosos días?

Non, non o está, aínda que se cadra teñas que pensar para recordar unha marca que anuncia. Ata para iso é unha brillante estratega e mestra da imaxe pública.

1. Google Chrome. A última incorporación ao porfolio publicitario de Lady Gaga foi este anuncio, no que axuda a difundir o uso e as bondades de Google Chrome. A campaña di que a rede é o que un quere que sexa… Dentro da filosofía máis gagasiana. Segundo explican dende Google na  páxina do vídeo en YouTube, todo se fixo usando os recursos colaborativos da rede. O vídeo está montado coa participación da propia Lady Gaga… e dos vídeos que os seus fans lle ían mandando sobre unha das súas cancións.

2. Polaroid. A compañía de cámaras instantáneas agonizaba no novo mundo da fotografía dixital. De pronto, a Polaroid converteuse no colmo da modernidade (todos devecemos por atopar nun mercadillo unha Polaroid boa, bonita e barata) e por se a alguén lle quedaba algunha dúbida de que molaban ficharon a Lady Gaga. A compañía nomeouna directora creativa e froito desta colaboración xa naceron uns cantos gadgets difíciles e de mercado complicado. Pero que importa! O importante é que todos falen da Polaroid e do seu matrimonio coa cantante máis de moda.

3. Zynga. A creadora de Farmville fichou a Gaga para unha campaña efémera. A publicidade de Zynga é moi interesante: xa encheron Londres ou Nova Iorq de ovellas – das de verdade – para promocionar un xogo ou San Francisco de carteis que enfadaron e moito ao concello para outro. Esta vez converteron a Lady Gaga na protagonista dun día especial en Farmville: os xogadores podían visitar Gagaville o pasado día 17 de maio, un xogo psicodélico a medio camiño entre o universo histriónico da cantante e unha páxina digna do mellor Geocities.

Para mostra un botón: isto é Gagaville

4. MAC. A compañía de cosméticos ten unha liña chamada ‘Viva Glam’, coa que cada ano colaboran personaxes famosos para deseñar un pintalabios especial. A recadación vai para a loita contra o sida. Nesta ocasión, Lady Gaga e Cindy Lauper foron as encargadas do deseño. Un dos que mellor se venderon da historia de ‘Viva Glam’.

Fotos |petercruise | disquecool

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *