A que sabe Facebook?

Algunha vez te preguntaches a que sabe Facebook? Hai unhas semanas varios blogueiros tiveron a oportunidade de almorzar a rede social en forma de marmelada grazas a unha campaña de marketing directo posta en marcha por Tuapli, unha empresa de Vigo dedicada a crear todo tipo de aplicacións para Facebook.

Disquecool tamén tivo a oportunidade de probar “a primeira aplicación offline” deseñada por Tuapli, unha marmelada tan azul como Facebook. Bárbara Liniado, responsable de Tuapli, explícanos que están tan ilusionados creando aplicacións para esta rede social que decidiron sacar toda esa creatividade que día a día poñen online para facer algo “un pouquiño máis offline”. “Así naceu a ‘marmelada dos pitufos’, como a nomearon algúns dos blogueiros”, explica Bárbara. “Aínda que levamos moito tempo desenvolvendo aplicacións, hai pouco que empezamos a facer marketing directo para que nos coñezan e coa intención de sorprender a algúns blogueiros, e ten resultado todo un éxito”, engade a responsable desta campaña.

A aliada de Tuapli nesta misión é Yolanda Santos, de La Despensa de Yolanda, a artífice desta marmelada sorprendentemente azul, que no seu ‘laboratorio’ de Gondomar mestura todos os ingredientes do Facebook que se come: froita, azucre, moito colorante azul, e sobre todo, tal e como explica Bárbara, “unha gran dose de cariño”. “A verdade é que todos os que a probaron quedaron coa boca feita auga, unha delicia. E o mellor é que cando a probas lémbraste dos teus amigos de Facebook!”.

Desde Tuapli amósanse satisfeitos coa acollida desta campaña e a súa repercusión, especialmente en Twitter, onde os destinatarios compartiron fotos das súas tostadas tinguidas de azul. Bárbara explica que se dirixiron aos blogueiros non só polo público que teñen detrás, senón tamén “pola súa gran acollida, o seu bo humor e a súa predisposición a ser sorprendidos constantemente”.

Unha aplicación offline para unha empresa que fai aplicacións online, ¿é necesario desvirtualizar de vez en cando? Para Bárbara Liniado a resposta é clara. “Non é necesario desvirtualizar porque todo se pode facer á vez! Como na nosa campaña de marmeladas, onde combinamos a acción offline (enviado a marmelada) coa online (falando da campaña nas redes sociais), a nosa intención é sempre unir as dúas partes, nunca separalas. Nas campañas de marketing de toda empresa debe ser igual, as aplicacións non deben ser a única campaña, senón que debe ser unha combinación coa parte fóra da pantalla”.

Tuapli deuse a coñecer este ano, pero o equipo que integra esta empresa levaba xa un tempo desenvolvendo este proxecto. Crean todo tipo de aplicacións, pero están especializados en aplicacións a medida, únicas e exclusivas para o cliente. Polo de agora xa están a traballar con firmas como Purificación García, No + Vello, Biothecare Estétika, Restaurantes Cambalache, o Real Club Celta de Vigo ou Meigallo Complementos. Ademais, andan “entusiasmados” cun novo proxecto, a creación de xogos interactivos en aplicacións Facebook.

 

Fotos | Andrés Fraga

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará