O vermú é o novo gin-tonic: 4 exemplos galegos

En Disquecool xa hai tempo que o vimos dicindo: o vermú é o novo gin-tonic. Hipócrates é considerado o pai desta bebida, alá polo 460 a.C., ao poñer a macerar en viño flores de axenxo e follas de díctamo. Na Idade Media o vermú era coñecido como viño hipocrático ou viño de herbas e os italianos Luigi e Giuseppe Cora déronlle un importante pulo en 1838 ao preparalo de xeito industrial. Os nosos maiores puxérono de  moda hai tempo, nos campos de festa, entre cacahuetes e cancións de Pili Pampín. Agora, o protagonista indiscutible dos aperitivos está a experimentar un revival no que á tradición máis verbeneira se engaden a innovación e a sofisticación, e Galicia ten moito que dicir nesta nova etapa. Velaquí catro exemplos que demostran que hai vida máis alá do Martini.

Vermú Petroni | Disquecool

St. Petroni. Parece italiano, pero a orixe deste vermú vermello témola moi preto, en terras de Iria. O seu nome fai referencia á figura do Santo Patrón e ao porto de Padrón como punto de chegada de viño e especies doutros lugares. Vermutería de Galicia está detrás deste produto, que segundo afirman é froito dun proceso artesanal e da selección das mellores materias primas. A súa galeguidade está marcada polo uso da uva albariña, que procede das plantacións do Pazo de Arretén, bodega con D.O. Rías Baixas. A base vinícola mestúrase con alcohol macerado cunha trintena de herbas como o axenxo, follas de loureiro, herbaluisa, menta, romeiro, tomiño, salvia, melisa, pel de laranxa e polpas de limón.

O deseño da botella remite ao Camiño de Santiago, mesturándose coa arte e inspiración de artistas como Dalí ou Da Vinci, xunto cos que propoñen descubrir a maxia das herbas santas. O logotipo simboliza o camiño das ocas, animais sagrados capaces de adaptarse a todos os elementos. Unha chea de historias e símbolos que agochan no seu interior un saboroso elixir.

Nordesía | Disquecool

Nordesía. Máis directo é este viño hipocrático, que remite no seu deseño aos ventos do mar e ás sesións vermú. Respírase o Atlántico entre as súas paredes de cristal, algo normal se temos en conta que forma parte da familia Atlantic Galician Spirits, tamén responsable da xenebra e o vodka Nordés.

Este vermú galego preséntase nas dúas versións tradicionais: vermello e branco. O primeiro está elaborado a partir de mencía da Ribeira Sacra, o que lle aporta un sabor intenso, expresivo e fresco. Pola súa banda, o branco vén de uva albariña de viñedos do Ulla, o que lle confire un resultado aromático e complexo, con notas cítricas moi frescas, aínda que sen renunciar ao amargor dun bo vermú.

Ambos están macerados con herbas tradicionais galegas como o loureiro, o sabugueiro ou a salicornia, ademais das habituais xenciana e axenxo, responsables do amargor.

Bodegas Lodeiros | Disquecool

Lodeiros. Seguindo unha receita que data de 1940, o vermú de Bodegas Lodeiros é o resultado da selección de viños anellos aos que se engaden extractos de herbas aromáticas elaborados pola adega. Artesán na súa elaboración, e tamén no seu modelo de distribución, que aposta por un modelo responsable e sostible afastado de grandes superficies e centrado na distribución a pequena escala, segundo afirman “fonte de valor económico e social do país”.

Dispoñible en vermello e en branco, presenta notas herbáceas de maiorana, artemisa e vainilla. A través do deseño das botellas, cunha representación icónica das catro estacións, reivindican que o vermú pode tomarse durante os 12 meses do ano. O Lodeiros tamén conta cunha versión granizado, grazas á colaboración coa xeadería compostelá Xearte Brigitte.

sardino

Sardino. Tras viaxar por Europa e EEUU, catro amantes dos destilados uníronse baixo o nome Casa da Ponte para lanzar, entre outras bebidas, este vermú mariñeiro madurado fronte ao mar. Na súa sede en Vigo elaboran esta bebida, seguindo unha antiga tradición familiar cunha maceración de 24 plantas e herbas silvestres.

O envase, con forma de botella de viño, ten un deseño moi coidado e fresco. Do seu interior agroma un vermú vermello moi doce e aromático, perfecto para os amantes da canela.

Fotos | St. Petroni, NordesíaLodeiros e Sardino

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *