Unha breve (e sorprendente) historia da depilación

Un día de 1940 un policía de San Francisco deu un informe sobre un espazo misterioso no que estaban acontecendo cousas un tanto estrañas. As mulleres estábanse a achegar de forma disimulada ata o número 126 da Jackson Streen. Entraban nunha vella residencia e eran seguidas despois por un home que levaba un maletín de médico. E tras pasar na casa un certo tempo saían non de xeito menos disimulado. De feito, algunhas abandonaban o lugar empregando unha calexa traseira. O policía sospeitou que tanto misterio, tanta muller e tanto maletín de médico non tiña máis que unha explicación posible. O policía acababa de dar cunha nova ubicación dos abortistas e na vella residencia estábanse a practicar abortos clandestinos. Pero a realidade era non menos clandestina pero si un tanto máis sorprendente: o que se estaban a practicar eran depilacións cunha tecnoloxía prohibida.

O que esas mulleres ían buscando era que lles fixeran a depilación con raios X, unha especie de depilación láser avant la lettre e moitísimo máis perigosa. Os raios X espertaron dende o primeiro momento tras o seu descubrimento un enorme interese entre a comunidade médica, que se lanzou a exploralos para diferentes e moi diversos usos. Por casualidade, a finais do século XIX, descubriuse que tiñan unha aplicación depilatoria. Se se radiaba con raios X durante un certo tempo unha superficie, o pelo desaparecía (para sempre, ou iso era o que prometían os centros de depilación do momento). O uso dos raios X como depilatorio chegou nun momento no que cada vez as persoas (as mulleres sobre todo) se preocupaban máis e máis polos pelos de máis e polo tanto atopou un público receptivo para o seu uso. Os medios estadounidenses do momento enchéronse de anuncios de servicios como o Tricho Systems, un revolucionario método de depilación que empregaba os raios X. Durante as primeiras décadas do século XX, as mulleres empezaron a empregar este sistema depilatorio, como agora se empregan o láser ou a fotodepilación. Non sería ata os anos 30 cando se confirmou que a depilación con raios X era máis ben perigosa e as autoridades de EUA decidiron prohibila, condenando ás súas usuarias ás calexas sinistras como a que o policía de San Francisco observaba.

A historia, que parece demasiado impresionante para ser real (pero que o é), é unha das que Rebecca M. Herzig recolle en Plucked. A History of Hair Removal, un fascinante ensaio sobre a historia recente da depilación que analiza como e por que nos depilamos e como e por que o levamos facendo nos últimos tres séculos. O libro (fascinante, insistimos) está escrito dende a perspectiva estadounidense e partindo do que facían as mulleres estadounidense deses distintos períodos históricos pero as súas conclusións e as súas análises históricas poden ser rapidamente extrapolables (ou poden servir como espello) para imaxinar como foi a historia da depilación (en parte) máis próxima. A galería superior está chea de anuncios e mensaxes sobre depilación e produtos depilatorios de xornais españois que demostran que a depilación non era un tema que preocupaba unicamente ás mulleres estadounidenses.

Cando comezou o interese pola depilación? Como nos conta Herzig, o certo é que o pelo e a ausencia ou non do mesmo xa aparecían no debate moito antes do que se cadra pensabamos. Un dos temas que analizaban os filósofos e analistas do XVIII no que a poboación dos Estados Unidos se refire foi, por exemplo, a ausencia de pelo entre os indios. Por suposto, moitos analizaban a historia como se fose unha cousa misteriosa (os indios non tiñan pelos no corpo!!!) e uns cantos dun xeito máis ben colonialista (un home sen unha boa barba era ben claramente un miñaxoia e alguén que precisaba ser dominado) e poucos foron os que lle prestaron unha atención claramente científica ao misterio de por que non tiñan pelo. Algúns homes, cazadores que casaron con mulleres indias, indicaban que as mulleres si tiñan pelo, simplemente o quitaban. E algúns investigadores que conviviron cos indios ben atoparon o secreto do misterio: dunha ou doutra maneira os indios arrancaban os pelos porque pensaban que eran algo simplemente noxento (algunhas tribos tiñan pinzas de depilar).

Pero mesmo se a ausencia de pelo corporal dos indios era un tema que chamaba a atención aos observadores ‘occidentais’, o certo era que o pelo e a súa desaparición non era un tema tan alleo ao mundo do que eses observadores viñan. Os libros con trucos de beleza que lían as súas mulleres (libros que ás veces foran escritos orixinariamente en momentos tan lonxanos no tempo como o século XVI) estaban tamén cheos de trucos para conseguir eliminar o pelo que non debía existir e que, naquel momento, era sen lugar a dúbida o facial. Si, amigos, as mulleres do XVIII xa sabían o que era a depilación.

E a depilación ademais acabou converténdose nunha cuestión de consumo e nunha cuestión marcada por ideas que ían máis alá dos centros de estética. O século XIX impuxo unha certa cientificación dos produtos depilatorios, que comezaron a ser producidos como eran producidos outros elementos dun modo masivo. Os medios de entón están cheos de anuncios de polvos, cremas e composicións (moitas veces firmadas por un ‘doutor X’ que non era máis que un hábil pioneiro no que a creación de produtos de consumo se refire) que prometían eliminar o pelo. As composicións dos produtos estaban moitas veces cheas de elementos perigosos que facían máis dano que ben e de feito algúns vendedores e marcas empezaron a usar a seguridade da pel e da saúde como un bo reclamo para vender. Outro reclamo era, por outra banda, o de usar o elemento oriental. Prometer que o depilatorio era unha receita do Oriente era un elemento de éxito asegurado, porque a literatura de viaxes (entón entrando na súa época dourada) estaba chea de historias sobre o fascinante Oriente… un Oriente no que as mulleres non tiñan pelos nas axilas porque os quitaban.

A produción de máis e máis produtos depilatorios podería explicar por que as mulleres comezaron a depilarse máis, pero o certo é que non é a única explicación que se pode atopar a por que ter pelo deixou de ser correcto. O outro culpable de que esteamos condenados a facernos a cera ou a pasarnos a cuchilla é Darwin. Como explica Herzig, a teoría de evolución tivo un impacto en como se vía o de ter pelo no corpo. A máis pelo un estaba máis próximo do pai mono: a finais do XIX, en Viena, unha nena peluda dalgún lugar de Asia era presentada como o eslavón perdido na cadea evolutiva. Se non queremos ser monos, non queda outra que depilarse. A medicina comezou ademais a finais do XIX a tipificar canto pelo podiamos ter ou non e a usar o pelo como elemento para dar outros significados. A xente chunga era peluda: un asasino seguramente tiña unhas cellas ben poboadas e un exceso de pelo corporal non era máis que un mostra de ser un ‘ser atávico’.

A moda comezou ademais a facer que cada vez foran máis visibles máis partes do corpo, partes que tiñan habitualmente pelo e que había que facer desaparecer. As mulleres comezaron depilando o pelo facial e os pescozos e acabaron engadindo ás listas de partes a depilar os brazos, as axilas ou as pernas. Pode que ao principio, nos anos 20, levasen medias o suficientemente grosas como para que non se viran realmente os pelos, pero iso foi cambiando e por tanto tiveron que poñer solución ao problema. Durante a II Guerra Mundial, por exemplo, non quedaba máis remedio que depilarse porque as carestías da guerra facían que ter medias fose moi complicado e implicaba que había que usar maquillaxe para pernas, maquillaxe que só quedaba ben se estabas depilada (o maquillaxe de pernas foi un boom de mercado nos primeiros anos da guerra, ata que se gravaron con impostos moi elevados os produtos de cosmética e caeu o seu consumo).

milady decolleteMentres as mulleres estaban cada vez máis obrigadas a depilarse, os produtos ían aumentando en variedade. Ás cremas do XIX sumáronselle novas técnicas como a depilación eléctrica (que polo que describe Herzig era bastante parecida á de hoxe, eliminando algunhas cousas cuestionables que se usaban no pasado como meter os dedos en auga mentres che depilaban) ou as follas de afeitar para as pernas.

Como moitas cousas que hoxe semellan de primeira necesidade para a nosa hixiene (véxase por exemplo as compresas femininas), as follas de afeitar de uso persoal son un boom que debe moito á I Guerra Mundial. Afeitar os homes xa se afeitaban antes, aínda que o habitual que outra persoa llo fixese, xa fora o axudante de cámara dos nobres británicos ou o barbeiro do pobo do Oeste que todos temos claramente en mente gracias ao cine. Na Belle Époque apareceron as máquinas de afeitar persoais e durante a I Guerra Mundial foron un elemento crucial.

Gillette dotou a cada soldado estadounidense de maquinillas (e o exército dou a mensaxe de que afeitarse era un elemento clave para ser un bo soldado, o que ten moita lóxica xa que menos barbas implicaban menos problemas de hixiene) e durante o conflito lanzou a súa primeira folla de afeitar pensada directamente para as mulleres, a Milady Décolletée, que era, como nos conta Herzig, pequena e curvada para se adaptar mellor á axila e así dar unha solución ás esixencias da moda do momento.

As mulleres non empregaban as follas de afeitar ata entón porque eran algo masculino e por tanto menos preferible que as cheirentas e perigosas crema de depilar. Gillette evitou chamar á súa Milady Décolletée calquera cousa que soase a folla e a afeitado, vendéndoa como “un modelo especial de accesorio de baño” e logrou cambiar a percepción do produto e crear un novo mercado. Cando os soldados volveron ademais convertidos en apóstolos do afeitado e das cuchillas de autouso, foi cando chegou o momento de, na intimidade do baño, roubarlle ao marido a súa folla de afeitar para a depilación.

Anuncios: Hemeroteca Digital da BNE, Galiciana

Imaxe da Portada: RazorArchive.com

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará