Benposta: o ocaso da democracia dos nenos do franquismo

 carpa do circo e a pirámide dos arlequíns. Dous elementos  distintivos de Benposta.

carpa do circo e a pirámide dos arlequíns. Dous elementos distintivos de Benposta.

Texto: Alba Araújo
Fotos: Daniel Gallego

Imaxinade por un momento que volvedes a ser nenos e entrades nunha cidade onde podedes ser alcalde ou trapecista e tedes a posibilidade de viaxar por todo o mundo. Este soño, quizais un dos  máis recorrentes de calquera neno, foi unha das ideas que cimentou Benposta.

No punto álxido do franquismo, o seminarista Jesús Silva xunto con 15 rapaces pensaron que se podía construír un mundo distinto, onde os nenos fosen o centro da sociedade. Este ambicioso proxecto acabou por chamarse ‘A  Ciudade dos Muchachos’ e situouse nunha finca co curioso nome de Benposta, en Seixalvo (Ourense).

Benposta levou ao extremo o concepto de crear un mundo diferente ata tal punto que o recinto contaba cunha aduana, unha moeda oficial -a coroa- e un pasaporte propio. O sentimento de pertenza que se xenera neste lugar é tan excepcional que os habitantes da Cidade dos Muchachos non se consideran ourensáns, senón benposteños.

José Martínez Villar, presidente da Fundación Benposta, chegou á Cidade dos Muchachos con tan só sete anos. Asegura que cando entrou en Benposta e viu “a carpa e a xente ensaiando no circo”, causoulle “tanta impresión que xa non quixen marchar de aquí”. Naquela época, o Padre Silva sorteaba becas de formación para a escola do circo e Villar, a pesares da oposición da súa nai, conseguiu apuntarse e así entrar en Benposta.

Benposta a única democracia española durante o franquismo e tamén foi o lugar onde xermolou o primeiro circo formado exclusivamente por nenos.

A Cidade dos Muchachos foi pioneira en moitas cousas, pero especialmente en dúas: foi a única democracia española durante o franquismo e tamén foi o lugar onde xermolou o primeiro circo formado exclusivamente por nenos. O  sistema pedagóxico  e organizativo que se empregaba en Benposta foi obxecto de estudo en distintas universidades por ser considerado un modelo educativo diferente e innovador.  Deste xeito, en Benposta escápase dunha educación autoritaria e establécese unha relación de diálogo entre profesor e alumno, cun método no que tampouco se usaban libros de texto. Ademais, cada neno recibía unha asignación mensual por asistir a clase. Esta era unha forma de compensar o esforzo e a participación dos alumnos. Villar cre que na Cidade dos Muchachos se ensinaba a pensar e a “descubrir que o mundo era moito máis complexo do que parece. Os profesores trataban de espertar o espírito crítico no alumnado e avogaban por unha mentalidade aberta á realidade social e política do momento. Segundo Villar, o Padre Silva era un claro exemplo desta metodoloxía porque “todos os libros que estaban prohibidos na época, en Benposta podíanse ler”.

Edificio do concello na súa situación actual.

Edificio do concello na súa situación actual.

En Benposta, ademais de asistir ás clases, os nenos tamén vivían alí e encargábanse do bo funcionamento da cidade participando na limpeza e no mantemento das instalacións. A cidade estaba rexida por un sistema democrático e o alcalde era elixido mediante eleccións. Había un alcalde por cada un dos grupos que formaban Benposta: as aldeas infantís, o pobo xove e os adultos.  Realizábanse campañas electorais co fin de promover unha ou outra candidatura. Decidíase todo nas asembleas e nas xuntas de goberno formadas polos nenos e adolescentes benposteños.

Aos primeiros 15 rapaces que formaron Benposta foron uníndose cada vez máis e máis nenos. Miles de mozos pasaron pola Cidade dos Muchachos e para soster esta infraestrutura tiveron que idear unha forma eficaz de financiamento. Ao Padre Silva, que proviña dunha estirpe circense, ocorréuselle unha boa maneira de costear o seu soño: crear un circo.

En Benposta dábase moita importancia a construír todo coas mans: fabricaban as casas onde durmían e os talleres onde aprendían un oficio. Villar define a filosofía de Benposta coma unha forma de  “aprender co corpo, aprender coa mente, aprender cos demais e aprender coas mans. Co circo ocorreu exactamente o mesmo e todos os seus aparatos foron creados polos propios benposteños.

Algúns talleres onde se ensinaban distintos oficios.

Algúns talleres onde se ensinaban distintos oficios.

Como o Padre Silva coñecía o mundo do circo, tratou de contratar aos mellores profesores para formar a súa propia compañía circense. Algúns deles eran figuras recoñecidas internacionalmente como Mesié Augusto Gressi.  Despois dun tempo formando aos  artistas, o Padre Silva conseguiu materializar o seu soño nun espectáculo circense moderno con números innovadores e acrobacias complexas. O circo debutou na Praza de Cataluña de Barcelona no ano 1966, e o espectáculo resultou ser un éxito tanto de público como de crítica.  Despois dunha xira por España, saíron do país e a prensa fíxose eco do bo facer na pista dos Muchachos. Acapararon a atención da prensa de todo o mundo e ocuparon portadas de revistas tan importantes como a ‘Paris Match’.

Esta popularidade brindoulles a oportunidade de viaxar por todo o mundo e de coñecer a moitas personalidades, como a Raíña Fabiola de Bélxica, Alain Delon ou Dalí.  “Dalí aparecía dando  dous golpes sonoros co bastón. Despois, presentábase dicindo: son Dalí”, conta Tony Martínez, benposteño e membro da Fundación Benposta. Ao artista gustáballe tanto o espectáculo que convidou a dúas das estrelas do circo á súa casa: aos pallasos Manzanita e Naranjita. A sorpresa dos pallasos foi enorme cando descubriron que Dalí tiña  preparado un cuarto para que actuasen nel. A habitación tiña  unha particularidade ben curiosa: estaba chea de laranxas e mazás. A relación entre Dalí e o circo ía máis aló de ser un espectador máis. O xenial pintor chegou a elaborar varios deseños dos traxes usados no circo. Pero a morte de Dalí impediu que  estes traxes se chegasen a realizar.

Cartel promocional da actuación no  Madison Square Garden de Nova York.

Cartel promocional da actuación no  Madison Square Garden de Nova York.

A Raíña Sofía e o actual Rei Felipe VI tamén eran asiduos ao circo, así como algúns presidentes como Felipe González ou Adolfo Suárez. O Padre Silva era unha persoa cun gran espírito crítico que non se deixaba impresionar por unha audiencia formada por personalidades, de tal xeito que  aproveitaba o final das actuacións para “reprender” aos políticos alí presentes.

As declaracións do Padre Silva non sempre foron ben recibidas, sobre todo polo sector máis conservador da Igrexa. Considerábano “un personaxe subversivo e crítico coa riqueza da Igrexa”, afirma Villar. Tamén tivo problemas co Vaticano, ao que tivo que render contas pola súa boa sintonía con Chávez. Nunha ocasión, o sacerdote díxolle publicamente ao presidente venezolano: “Deus está coa túa revolución. Deixa as armas porque non temen as túas armas. Témenlles ás túas ideas”.

Cando o circo estaba no seu máximo esplendor, os muchachos viaxaban en tres avións: un destinado ao transporte dos integrantes do circo e todo o persoal auxiliar (costureiras, profesores, etc), no segundo ían os aparatos do circo e todo o necesario para o transcurso das funcións, e no terceiro estaban os animais, principalmente cabalos. Nestas viaxes os benposteños seguían  formándose e mantiñan a estrutura asemblearia típica de Benposta. Tamén organizaban visitas culturais en cada unha das cidades que visitaban. O benposteño, Tony Martínez define esta experiencia como “o mellor agasallo que puiden recibir na miña ida. Unha experiencia única  que moi pouca xente pode disfrutar”.

Tiñan a súa Igrexa propia, a Igrexa do Neno Rei.

Tiñan a súa Igrexa propia, a Igrexa do Neno Rei.

O talento dos integrantes do circo era tan obvio que o resto de compañías circenses comezaron a rifarse a cada un dos muchachos. Como era de esperar, as suculentas ofertas de traballo poñían en perigo a continuidade do Circo dos Muchachos e, como consecuencia, despois das xiras internacionais moitos membros do circo xa non volvían a Benposta.

O “Circo do  Sol” foi unha das compañías circenses que se inspiraron no Circo dos Muchachos para crear o seu propio espectáculo. Un dos seus fundadores seguiu ao circo durante unha das súas xiras e tomou boa nota de todo canto observou, sobre todo fixouse na súa forma innovadora de facer circo, moito máis estética e atractiva. Interesouse tamén pola súa maneira de organizarse como grupo: o que lle afectaba a un membro afectáballes a todos, e arranxaban calquera problema como un equipo unido. Deste xeito  garantían o bo funcionamento do espectáculo.

O “Circo do  Sol” foi unha das compañías circenses que se inspiraron no Circo dos Muchachos para crear o seu propio espectáculo.

Pero Benposta era moito máis que circo, tamén foi a sede da primeira Escola de Imaxe e Son de Galicia e ata crearon a súa televisión propia, a Televisión Benposta. Ademais, foi un lugar de reunión de moitos partidos políticos da esquerda despois da morde de Franco. Estas reunións clandestinas deron acubillo a partidos como o PSG, Partido Socialista Galego, con Beiras á cabeza e tamén ao Partido Comunista. Santiago Carrillo, que acababa de chegar do exilio, visitou Benposta. Neste momento, Villar era o alcalde en funcións da cidade con apenas 13 anos e tivo un pequeno desacordo co líder do Partido Comunista. Segundo Villar, Santiago Carrillo marchara ao exilio nunha época difícil onde a loita política era moi necesaria e volveu despois da morte de Franco, momento no que “a situación xa se calmara un pouco”. O discurso do rapaz convertido en alcalde sorprendeu a Carrillo pola madurez e polo seu coñecemento dos fundamentos teóricos do comunismo.

Co paso do tempo, o ideario de Benposta expandiuse polo mundo e xurdiron outras Benpostas en países como Colombia, Venezuela ou Santo Domingo. Algunhas delas seguen en activo na actualidade. Sen embargo, os problemas  da Cidade dos Muchachos comezaron a aparecer a finais da década dos noventa e sobre todo co cambio de século, primeiro foron as dificultades económicas  e despois as xudiciais. A gota que colmou o vaso foi o problema orixinado cuns terreos que foran propiedade de Benposta e que estaban destinados á construción de vivendas sociais, pero que a Xunta quería converter nun estadio de fútbol.  Este asunto alargouse no tempo xunto cos seus correspondentes litixios xudiciais, o que provocou o empeoramento da saúde do Padre Silva ata súa morte. O circo tampouco era a máquina ben engraxada de anos atrás e xa non producían tantos cartos. Todos os problemas acabaron co peche de Benposta no ano 2004.

Entrada de Benposta coa aduana.

Entrada de Benposta coa aduana.

Villar e Tony definen a situación actual de Benposta coma un  impasse, manteñen un discurso optimista e non queren falar da fin de Benposta. O seu maior desexo é revitalizar a institución coa apertura das instalacións á cultura, e aseguran que “calquera artista ou músico pode ensaiar ou actuar aquí”.  Tamén conceden un espazo de traballo aos autónomos que por dificultades económicas non poden afrontar o pago do alugueiro dun local. O Festival Reperkusión, un evento multidisciplinar que xunta música, teatro e circo, elixiu a Benposta como sede nas súas últimas edicións. Outras iniciativas que se propoñen dende Benposta están nunha fase de  busca de financiamento como o Parque da Paz ou a Escola do Circo. O proxecto Parque da Paz presenta un lugar de encontro entre tres xeracións: avós, pais e fillos. Neste lugar levaríanse a cabo actividades nas  que puidesen participar as tres xeracións como taichí ou teatro. A Escola do Circo ten como obxectivo  a integración dos nenos con algunha discapacidade física ou mental nun espectáculo circense convencional e así aproveitar as disciplinas circenses cun fin terapéutico e de integración social.

A Cidade dos Muchachos e o seu circo conseguiron grandes fitos, descoñecidos pola maioría da xente, como por exemplo ser un dos primeiros grupos españois en actuar no Madison Square Garden de Nova York. Tamén realizaron xiras por todo o mundo e mesmo foron número un en Francia co seu disco ‘Oh-La-La’. A súa historia inspirou libros e graváronse películas e documentais sobre eles. Foron recoñecidos coa espada Samurai do Xapón e co Premio da Paz outorgado pola ONU. Ademais recibiron as chaves de cidades coma Berlín e Nova York. Pero todo este éxito viuse eclipsado polas polémicas que rodearon a Benposta nos últimos anos e que conseguiron levala á difícil situación actual.

Shares

2 comentarios

  • juan di:

    triste es que lo que en su dia nacio en la dictadura muriera en la democracia

  • Da tristeza yo me crie en bemposta nacion de los muchacho desde el año 1972 hasta 1985 . Cuantos niños nacimos alli pero la gente se olvida de las cosas maravillosas . Como decia el padre silva , el fuerte abajo el devil arroba y rl niño en la cuspide

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará