Unitaria: fame por aprender

Unitaria | Disquecool

A escola Unitaria da Calzada de San Pedro, en Santiago de Compostela, hai xa moitos anos que pechou as súas portas. Naqueles tempos nos que estaba en activo, alá polos anos 40, os seus alumnos acudían a estudar álxebra ou historia de España. Pouco podían imaxinar que décadas despois outros estudantes, algo maiores, volverían a ocupar os pupitres para seguir aprendendo materias na súa maioría descoñecidas para os primeiros moradores deste lugar: ¿HTML? ¿CSS? ¿3D? ¿Photoshop? Tempos distintos, materias diferentes, pero algo en común: un mesmo espazo que conserva no seu interior a fame por aprender. A antiga escola é agora Unitaria, unha nova proposta formativa que alimenta a profesionais do audiovisual, as novas tecnoloxías, o DIY ou o deseño cunha ampla variedade de formatos e propostas.

Unitaria | DisquecoolFernando e Gonzalo son os responsables de que este espazo con vistas ao parque de Belvís volvese a recuperar a súa vocación académica. Eles tamén sentiron a fame. Intentaron calmala, a súa e a de moitos máis, a través de iniciativas como os LAV de Senunpeso, en Vedra, onde constataron este interese por aprender. Algo agromou aí, e mentres lle daban voltas á idea apareceu o espazo, a vella escola de San Pedro, e con ela o nome.

As portas deste novo centro de coñecemento, xestionado pola Asociación de Amigos si, pero a Vaquiña polo que Vale, abríronse oficialmente o pasado 29 de maio, e as primeiras actividades celebráronse a principios de xuño. Nas súas dúas salas polivalentes, nunha mestura entre lembranzas vintage de vellas escolas e modernos equipos de son e audiovisuais, desenvólvense accións formativas especialmente dirixidas ao público profesional, aínda que tamén hai cabida para obradoiros de iniciación. Gonzalo procede do mundo do audiovisual e parecíalle que existía un oco que encher en formación neste sector, unha necesidade que tamén detectaron noutros eidos como o do deseño e as novas tecnoloxías. Xunto co universo DIY e os cómics son as áreas que conforman a espina dorsal desta proposta formativa, aínda que tampouco se pechan a novas propostas. A súa fórmula, segundo afirman, é ben sinxela: a creación de plans de estudo de alto nivel impartidos por profesionais recoñecidos e en activo.

Unitaria | DisquecoolA pesar da súa recente apertura Unitaria xa leva celebradas unha chea de actividades, como obradoiros de impresión dixital, xoias e lixo, pixilación, presentacións multimedia, estenopeica, animación e modelado 3D, photoshop extremo ou máscaras de látex, este último a cargo de Alberto Hortas, quen participou en proxectos como El Laberinto del Fauno. O público de iniciación puido enfrontarse a unha sesión de Vídeo Combate, na que aprendeu a elaborar unha mensaxe audiovisual sinxela con poucos recursos. Ademais das actividades puramente formativas Unitaria ábrese a outros formatos, como Caña & Charla, que comezaron cunha convocatoria para directores e guionistas na que participaron Alfonso Zarauza e Jaione Camborda, director e guionista de Os Fenómenos. Outro exemplo é a sesión de pantallón + sonidaco + palomitas que celebraron coa película Kung Fury, que congregou a “30 frikis con cintas vermellas na cabeza”.

As súas próximas convocatorias abordarán cuestións como a narrativa en cómics, a fotografía de gran formato, a edición non lineal e a construción de páxinas web. En setembro tamén organizarán un obradoiro de Impresión 3D que incluirá unha xornada de portas abertas para coñecer estas ferramentas e unha xuntanza na que cada asistente poderá traer a cámara do seu avó e recibir a cambio unha historia sobre a orixe e características desa máquina.

A duración das formacións varía en función do formato, dende os máis breves, de 4 horas de duración, ata cursos máis longos que poden chegar ata as 35 horas. En consecuencia, os prezos oscilan entre os 35 euros para as sesións máis breves e os 295 para as máis longas. “Preferimos falar de prezos por hora, que estimamos nuns 5,6 euros”, explica Fernando.

Unitaria | Disquecool

A Unitaria é sobre todo unha escola viva e dinámica, polo que os seus creadores xa están a argallar novos obradoiros e iniciativas. Por exemplo, están comezando a organizar un Master de cinema independente, e tamén acaban de abrir unha enquisa online para que os pais e nais manifesten as súas preferencias en canto á formación para nenos e nenas, onde tamén detectan “unha carencia moi grande”. Entre as temáticas a tratar atópanse a tecnoloxía, o vídeo, o son, a programación e incluso a robótica.

Unitaria | Disquecool

Unitaria está no barrio de San Pedro. “É o noso barrio, o mellor barrio do mundo, para que nos imos mover”, bromean os seus fundadores. Os que se desprazan son os seus alumnos, procedentes na súa maioría de fóra de Santiago. O perfil profesional dos asistentes é moi variado, dependendo do tipo de obradoiro. O que todos comparten e esa fame por seguir aprendendo, fame que queda apaciguada ao rematar a formación, un alimento fundamental que un leva consigo en forma de ferramentas, inspiración e coñecemento, e que tamén acredita o diploma que Unitaria entrega ao remate certificando que o alumno aprendeu mogollón.

Fotos | Andrés Fraga

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *