X Festival de Cans: máis e mellor

cansDentro de dúas semanas terá lugar o Festival de Cans, unha cita ineludible -desde hai xa dez anos- coas mellores curtas galegas, pero sobre todo cun festival de cine diferente, que nada ten que envexar ao de Cannes (co que coincide en datas). Un festival onde o glamour substitúese por agroglamour, onde os filmes se proxectan en galpóns e  bodegas, e onde os invitados viaxan en chimpín;, pero que tamén conta con paseo da fama (este ano porán a súa estrela Manuel Manquiña, Juanma Bajo Ulloa e Xabier Villaverde ) e sobre todo, con propostas cinematográficas ás que normalmente non temos acceso.

Pero seguro que a maioría de vós xa coñecedes ben o que é Cans e o seu fantástico ambiente (e os que non, deberiades achegarvos este ano e non desmotivarvos polo feito de que as entradas se esgoten sempre en menos de 15 minutos). O que aínda non sabedes son as novidades coas que Cans quere festexar o seu décimo aniversario.

A primeira é que este é o ano en que máis curtas á concurso haberá: en total 21, 14 de ficción e 7 de animación, nas que atoparemos xéneros tan variados como drama, comedia, terror e mesmo acción. Ademais, este ano haberá dobre sesión, para que máis xente poida gozar das curtas. A de sempre, o sábado pola tarde, e outra en versión matinal. Aínda podes conseguir entradas (que dan dereito a ver todas as curtas), se te achegas a recollelas o xoves 16 de maio, a partires das 19 horas, ao local parroquial de Cans. Tamén se porán á venda entradas para a sesión matinal o luns 20 de maio, ás 9 horas. Pero tendo en conta que as da sesión vespertina esgotaron en menos de 15 minutos…. é mellor asumir que moitos quedaremos sen entrada (ao ser as proxeccións en lugares pequenos, o aforo é moi moi limitado).

Pero non entredes en opánico: podemos asistir ao resto de actividades, que conforman o 90% do festival, e nas que tamén atoparemos moitas novidades polos dez anos:  moitos concertos conmemorativos (con sorpresa incluída) de músicos como El Gran Wyoming, Tony Lomba e Elio dos Santos, Jorge Ilegal, Victor Coyote, Cristina Pato, Fon Román, Óscar Avendaño, ou Radio Cos entre outros; un coloquio na leira con Juanma Bajo Ulloa; a estrea da longametraxe  ‘Somos gente honrada’, de Alejandro Marzoa; unha nova sección, “Primeiro test”, na que un director (neste caso Alfonso Zarauza) leva a Cans a súa película inacabada  para sometela á valoración do público antes de confeccionar a versión definitiva; proxeccións de mini-series; unha selección de curtas bretonas…

Outra interesante novidade deste ano é que os veciños de Cans (parte sempre fundamental do festival) proporán as súas propias actividades, con dúas exposicións. E todo isto non é máis que unha pequena parte do programa que se desenvolverá entre o 22 e 25 de maio, e que podes coñecer ao completo na páxina web do festival.

E para os que creades que o Festival de Cans non ten singún segredo para vós, podedes comprobalo no trivial festivaleiro que atoparedes tamén na web. Así imos quentando motores ata que comece a décima edición.

Shares

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *