Ponte…na escena: teatro galego-portugués

Ponte na escenaA pesares da proximidade a Portugal, a pesares da nosa indubidable querenza polo país (quen non aproveita as vacacións para acudir ao país veciño? quen non suspira “ai, iso é unha cidade cool” cada vez que se menciona a Porto? quen non ten, finalmente, algún amigo portugués?), a maioría de nós permanecemos bastante pechados ao que se está a facer alí no ámbito cultural.

Por suposto, coñecemos a Manuel de Oliveira, pero sabemos se hai algún outro cineasta portugués que mereza a pena? Coñecemos que autores están agora de moda? Escoitamos grupos portugueses? E do teatro, que sabemos do teatro portugués? 

Non só do portugués, senón tamén do brasileiro poderemos saber moito máis esta fin de semana, nun festival de teatro único na súa especie. É a primeira vez que se aproveita ese acerbo común que nos une a Portugal (e por extensión a Brasil) para presentar nun mesmo empaque diferentes propostas escénicas de compañías brasileiras, galegas e portuguesas. É o Ponte…na escena e terá lugar no Auditorio Lois Tobío de Gondomar do venres ao domingo.

O xerme do festival atópase nun encontro casual. Santi Veloso (da asociación pedagóxica Ponte… nas ondas!, unha experiencia educativa de cooperación entre Galicia e o norte de Portugal) estaba presentando o traballo da organización en Brasil cando lle falaron dun gran director de teatro galego que traballara en Brasil e agora estaba a traballar en Portugal: tratábase de Moncho Rodríguez, quen, posteriormente, explicoulle moitas cousas sobre a presenza do imaxinario galego-portugués no nordeste brasileiro. A unión de Moncho Rodríguez e o seu proxecto, FAFE cidade das artes con Ponte… nas Ondas! e a compañía galega Limiar Teatro deron como resultado o posta en marcha deste festival internacional.

O obxectivo do festival?  Dar a coñecer as expresións dese patrimonio común, tal e como explica Santi: “Toda a cultura do nordeste brasileiro, así como o norte de Portugal, ten unha orixe común: as tradicións e costumes da Galicia máis profunda. Esa mestura de xentes, imaxinarios e saberes, de falas e melodías, de cantares, dicires e saberes non pode permanecer oculta ou ignorada. É preciso compartir o que os creadores que beberon nestas fontes están neste momento a producir. Pouca xente na Galicia sabe hoxe dos camiños percorridos polo director de teatro galego Moncho Rodríguez, da súa importancia no Brasil e de como ten influído en novas correntes de creadores, dos seus traballos onde se unen nun só tempo a tradición e a modernidade, e os recursos que este escenógrafo utiliza están ligados directamente á poética das tradicións populares galegas”.

Cando falamos dunha expresión artística como o teatro, está claro que a lingua é fundamental, en moitos casos, para a comprensión, e que unha obra en outro idioma (mesmo se é case o noso) supón un maior desafío, pero Santi Veloso móstrase tallante:  “É preciso loitar contra esa comodidade e ese concepto de que non somos capaces de entender… estamos a falar de elementos culturais que son nosos, que saíron e volven as súas orixes, as súas raíces, custará tanto entendelos como por veces nos custa entender ao home do campo, ao galego das aldeas, ou para eles os galeguismos da modernidade que se inventan nos dialectos da urbanidade”. Tamén subliña o feito de que a arte é sempre unha aventura, algo que nos saca do conforto cotián e que, nese sentido, esforzarse é parte de gozala.

Do que non cabe dúbida é do interese da cita, que nos permite pór en relación diferentes dramaturxias cun nexo identitario común. En total, representaranse seis obras, dous de cada país. O venres tocaralle a quenda a Galicia, con dúas obras de Limiar Teatro e 8mm, o sábado a Brasil, e o domingo a Portugal. As entradas para os espectáculos están xa á venda en Servinova: 4 euros unha obra, 6 euros un bono de día, a única excepción é a obra de 8mm, que se representará á gorra no bar Catro Camiños.

A obra de Limiar Teatro, ademais, (‘Verbum Farenheit’), está inspirado nos homes-libro de Bradbury, e creouse a partires de 100 textos de autores de Galicia e toda a lusofonía: Portugal, Brasil, Angola, Mozambique, Caboverde, Santo Tomé e Principe, e Guiné – Bissau e Timor Leste.

Unha oportunidade única para percorrer esa expresión común de territorios que, ademais de estar próximos fisicamente, tamén o están culturalmente. Algo que non sempre sabemos aproveitar.

 

Shares

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *