O gran Gatsby, decadencia e glamour nos anos 20

gatsby 2Antes de ir ao cine sabía que ‘O gran Gatsby’ non me ía gustar. Tiña todo para que iso pasase. En primeiro lugar, era unha adaptación dunha obra clásica da literatura pasada polas mans do fulano que fixo ‘Moulin Rouge’. En segundo lugar, ‘Moulin Rouge’ é unha das películas que menos me gustaron (despois de escoitar a tanta xente entusiasmada falar do marabillosa que era…). E en terceiro lugar, escoitei isto. Unha versión vintage de Crazy in love? Si, ese Crazy in love. Era imposible que de algo así saíse algo bo. As críticas dos expertos non podían ser máis malas e, aínda por riba, cando cheguei ao cine fixéronme pagar máis de nove euros pola entrada. (Vale que era esta sala, pero aínda así). Así que os argumentos polos que ía botar abaixo a película íanse acumulando. Era case imposible que ao final me gustara. Imposible! Cando entrei na sala xa sufrín o primeiro efecto do síndrome de Estocolmo: os anuncios escoitábanse como nunca tal vira! E cando empezou a película empecei a sospeitar que se cadra tería que tragarme as miñas palabras. Ao final, perdóame deus do cine intelectual!, descubrín que ‘O gran Gatsby’, de Baz Luhrmann (ese Baz Luhrmann) gustárame unha chea.

Por que? Pois se cadra  polas mesmas razóns polas que a primeira vez que lin a novela pensei que bah, tampouco era para tanto. ‘O gran Gatsby’ é a novela que fixo realmente popular a Francis Scott Fitzgerald e que moitos ven como unha das grandes obras do século XX na literatura estadounidense. O que practicamente ninguén nega é que a historia é un fiel retrato dun sentimento moi dos anos 20: os seus protagonistas son ricos de orixe dubidosa, familias ben de sempre, especuladores en bolsa e flappers cínicas e bastante frívolas. Que ninguén espere unha crítica do tempo do que fala: en realidade a obra é un retrato dese tempo e desa xente. Por moito que o protagonista se vaia dando conta de todo o que hai detrás desa fachada de frivolidade e decadencia (e si, volvina a ler tras ver a película), a novela é sobre todo un retrato deses tempos decadentes e preciosistas. Os anos 20 molaron. Molaron polo art deco, porque é o comezo do mundo moderno, polos cigarros que se fumaban en boquilla, polos cortes de pelo ousados e polos zapatos (os zapatos molaban unha chea), aínda que a moral da época sexa máis ben algo do que dubidar.  Eran os anos de vivir rápido e vivir ben (non esquezamos que acababan de saír da I Guerra Mundial) e xusto iso é o que retrata tan ben a película.

gatsby

E ‘O gran Gatsby’ unha historia de amor? Posiblemente non. É unha historia de decadencia. Lembremos: a historia trata sobre Jay Gatsby, un millonario que vive nunha fabulosa mansión de Long Island, nas aforas de Nova Iork. Ninguén sabe de onde chega, como se fixo así de rico ou quen é. Moitos nin sequera son capaces de poñerlle cara. Pero as súas festas no verán no que empeza a historia son épicas: todo o mundo está alí, bebendo champaña e bailando ata o amencer. A xente nin sequera ten a decencia de agardar a ser invitada. As festas de Gatsby son o suficientemente multitudinarias e marabillosas que paga a pena autoinvitarse. Iso é o que descubre Nick Castaway, o narrador e veciño de Gatsby. Castaway é un mediocre axente de bolsa que vive nunha pequena casiña oculta entre as grandes mansións de Long Island. E, ademais, é o curmán de Daisy, unha frívola flapper que é o gran amor perdido de Gatsby e que vive ao outro lado da baía de Long Island co seu marido. O primeiro que Daisy nos di é que “está paralizada de felicidade”, mentres espera a Castaway nunha das inmensas habitacións da súa mansión. Pero todos sabemos que o que nos agarda non vai por aí…

A película é absolutamente fiel ao libro: o que ves é o que pasa na novela (unicamente toman unha licencia para explicarnos as razóns polas que Nick Castaway está contando a historia). E como era de agardar dun filme sobre os felices anos 20 é incriblemente preciosista. No fondo da igual se os actores son bos ou malos (e en Galicia terás ademais que velos en versión dobrada, porque o VOS non só e escaso tamén pasa das películas comerciais), podes simplemente mirar. Hai mansións, roupa (moita roupa), festas, decadencia, champaña e moita cor. Todo é brillante, luxoso. E vale, de súpeto escoitas a Beyoncé facendo unha versión de Back to Black no medio dunha festa dos anos do charleston; pero xa non che importa. Paréceche tan decadente como a historia.

Posiblemente, ‘O gran Gatsby’ non pase a historia do cine por ser unha grandiosa película. Posiblemente os seus actores non leven ningún premio da Academia e, si, en Cannes están a quitarlles a pel a tiras. Pero ‘O gran Gatsby’ é un perfecto guilty pleasure. Non son ao final os guilty pleasure a cumbre do decadente?

O gran Gatsby é unha das super mega producións da tempada. Buscade no cine que teñades máis preto de casa que seguro que o tedes. En libro, en galego editouno Ir Indo no 2003. Aínda se pode atopar en internet, así que non penso que estea esgotado. De Scott Fitzgerald tamén están en galego os seus Contos da era do jazz, en Rinoceronte. Sobre o escritor, é bastante interesante Alabama Song, de Gilles Leroy, que é unha aproximación a xeito de novela á vida de Zelda, a súa esposa (e a flapper por excelencia). Hai nada Alpha Decay lanzou as cartas que Francis Scott Fitzgerald lle escribiu á súa única filla, Scottie, e o libro ten moi boa pinta.

Fotos| Warner Bros

Shares

1 comentario

  • vane di:

    Pues yo he visto la tercera versión de el año 1974 por Jack Clayton y el guión de Francis Ford Coppola. De protagonistas Robert Reford y Mia Farrow . La verdad sin desperdicio…. le dan el Óscar a la mejor dirección y música. Evidentemente la veré porque también he leído el libro.. por lo de las comparaciones. Lo que si es cierto es la película del momento !!!!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *