Cuncas de deseño para homenaxear as artes tradicionais de pesca

Isto é a vida pai: marisco, viño e deseño. Con esta idea como punto de partida, o estudo madrileño Chichinabo Inc. e a tenda online de marisco galego Sal y Laurel lanzan á venda unha colección limitada e artesanal de cuncas de viño para homenaxear aos obxectos estrela das tabernas galegas. Un coidado packaging inspirado nas redes de pesca garda no seu interior catro unidades que ilustran artes empregadas nas rías galegas desde hai centos de anos, como son a nasa, as redes, as ferramentas manuais e o mergullo a pulmón.

Segundo explican os impulsores desta iniciativa, a colaboración xorde da vontade de ambas marcas de impulsar e conservar o tradicional e o autenticamente noso. Chichinabo Inc. está formado por unha parella de mozos deseñadores madrileños procedentes do ámbito do deseño gráfico e do téxtil. Hai un ano iniciaron este proxecto co obxectivo de plasmar nas súas coleccións de obxectos para o fogar e accesorios de moda o imaxinario de distintos puntos de España. Así, atopan a súa inspiración no que moitos consideran rancio ou de chichinabo: os bares de vellos, os cruceiros polo Mediterráneo ou por exemplo a tuna compostelá. De Sal y Laurel xa vos falamos nalgunha ocasión: unha tenda online de marisco que segundo afirman ten entre as súas prioridades “o respecto do medio mariño e a utilización de artes de pesca sostibles como único camiño para evitar a extinción de moitas especies nas rías galegas”.

As cuncas están fabricadas artesanalmente en Arcade, e decoradas manualmente por Chichinabo e Sal y Laurel, a cabalo entre Madrid e Pontevedra.

Rede
Ilustrada con artes de arrastre artesanais. Este tipo de técnicas consisten nunha rede que se arrastra nunha zona concreta do mar coa axuda dun bote. Entre estas artes atópanse a rapeta, o boliche e o bou de vara. Con elas captúranse, por exemplo, as nécoras.

Arte manual
Nesta cunca represéntanse os elementos auxiliares de pesca. Estas ferramentas adóitanse utilizar xunto con outras artes para facilitar as capturas, aínda que tamén se poden empregar directamente para capturar algún marisco en concreto, por exemplo, a centola. Algúns exemplos son o bicheiro, o trueiro, o ganapán, a francada e o femieiro.

Nasa
Dubido que algún galego non saiba que é unha nasa. Utilízase para capturar, por exemplo, nécoras, centolas ou camarón.

Marisqueo a pulmón
A arte de pesca por excelencia, a través da cal un mesmo coas súas propias mans pode capturar navallas, ourizos, percebe e tamén algas. Á hora da faena esta técnica tamén se pode complementar con algunha outra práctica do marisqueo como a rasqueta.

Este pack de cuncas de inspiración mariñeira poden adquirirse online nas webs de Chichinabo e Sal y Laurel, e tamén en puntos de vista de Madrid, Vigo (Alfar) e Santiago de Compostela (O gato cósmico).

Shares

2 comentarios

  • Rafa di:

    Moi chulas as tazas e a idea, pero o mergullo a pulmón non é precisamente tradicional en Galicia como técnica de marisqueo (e menos como cousa de hai centos de anos), e creo que desentona un pouco co resto de modelos. Tradicional é, desde hai case milenios, apañar as cousas do mar a pé desde a ribeira, pero mergullarse a por elas…e con neopreno….
    Por outro lado, divertida e interesante web, parabéns.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *