Pantalla. Iso é o primeiro e practicamente o único que se ve cando un colle por primeira vez o novo punta de lanza da marca HTC. Unha superficie negra brillante de bordes curvados que incrustada nun bloque de plastico ocupa practicamente toda a parte frontal. O resto do teminal é unha peza minimalista e de tacto agradable na que só destacan a cámara, o logo de HTC e o de BeatsAudio, garantía de bo son.
Esta nova besta dos taiwaneses é a resposta a un ano no que Samsung parecía querer copar toda a atención da gama alta de Android. E a resposta foi clara: nós fumos pioneiros en Android, e podemos seguilo sendo. O One X lidera a nova proposta de HTC na gama alta de Android, primando a pantalla, a cámara, e sobre todo a potencia.
O deseño deste terminal é simple e bonito, e aínda que o botón de desbloqueo quede menos accesible do que nos gustaría, a sensación ao telo na man é moi agradable, e non se fai incómodo a pesar do seu tamaño. O protagonismo da pantalla faise máis evidente cando se prende, pois a resolución e luminosidade provoca que ata penses en ver as peliculas no móbil. Este é, con diferencia, o punto máis destacado deste teléfono.
Outro dos apartados no que a casa quere facer fincapé é na cuestión do son. A firma de Beats Audio tenta asegurar que a calidade é a mellor que se pode levar a un móbil, e nós non o negamos -de feito o volume pode alcanzar máis do que eu creo necesario-, pero seguimos sen ser moi partidarios de convertir os teléfonos en discotecas móbiles. De todos xeitos, se esta é a tua intención, que saibas que por volume, que non sexa.
A cámara é a outra mimada do One X, ou polo menos iso pretende a casa. Se ben é loable (e sorprendente) que nos permita capturar video a 1080p e sacar fotos ao mesmo tempo, incluso que ofreza un modo de ráfaga digno dunha cámara de prensa, o certo é que todas esas boas intencións e opcións quédanse nunha calidad que, se ben é superior a maior parte dos teléfonos do mercado, segue a ser inferior do desexable se queremos desfacernos da cámara compacta.
E ademais de todo isto, é un smartphone, e niso non creo que teña moita competencia. Os catro núcleos de procesador moven Android 4.0 cunha suavidade que ás veces boto de menos no meu ordenador. Sense (a adaptación propia do SO de Google que fixo HTC) fai que a experiencia de uso nas dúas semas durante as que probei o teléfono fora sinxela (son novato en Android) e agradable. A integración das redes socias en todas as facetas do teléfono fai que a tua “vida social” aumente notablemente. Destaca a comodidade coa que subes unha foto a Twitter, Instagram, Tumblr, ou directamente á túa conta de Dropbox cando tes conexión wifi, e que cando abres un link en calquera aplicación pregunta se queres facelo no navegador ou directamente na aplicación especifica á que pertence (por exemplo un link en Twitter, se é dunha imaxe de Instagram, ábreo nesta aplicación).
Pero non é so unha ferramenta de ocio. A gran pantalla e o procesador traballan xuntiños para permitir un uso profesional moi satisfactorio, facendo que escibir mails ou buscar información nunha páxina sexa case igual de sinxelo que no sobremesa. Ata tal punto que durante estas dúas semanas o uso da tableta no meu sofá de casa diminuiu considerablemente.
Pero a esta besta haille que dar de comer, e prométovos que come moito. Se sodes dos que estades todo o día a voltas co teléfono preparádevos para mercar un cargador portátil ou andaredes buscando enchufes a media tarde, porque, no meu caso, a fabulosa pantalla comíase o 58% da batería, e a pesares de telo conectado á wifi na casa e no traballo, rara vez chegou á noite sen antes pasar a repostar. E non só bateria traga. Como todo bo Android come datos dabondo, así que ide pensando nunha tarifa de 500MB se non queredes sorpresas a finais de mes.
En resumo, trátase dun fantástico terminal, que a pesares de non cubrir todas as expectativas que a súa publicidade crea no referente á cámara, fai que o seu uso sexa intuitivo, cómodo e eficaz, e para nós iso é moi importante. E aínda que esa esbelta figura e eses sedentos procesadores nos obriguen a ir co cargador no bolso, cando hoxe o meta nunha caixa para devolvelo ás oficinas de HTC, non negarei que o botarei un pouco de menos.
Fotos e vídeo | Andrés Fraga
1 comentario