Poderías vivir sen marcas?

O especialista en marketing Martin Lindstrom decidiu, no camiño para escribir o seu último libro ‘Brandwashed’ (falaremos del nuns días) seguir unha dura cura de marcas. O experto en marketing optou polo camiño antimarketing: durante un ano non ía mercar nada de nada que tivese marca. Non se ía desfacer das marcas que xa tiña, pero non ía mercar nada novo: nas súas múltiples viaxes arredor do mundo non comería comida de marca, por aquelo de”‘que medo dan os postos locais de segundo que zonas”, e lanzaríase a polo típico; non levaría a súa crema Clarins que coidaba a pel do seu rostro nos longos voos; non se faría con nada para o catarro, que para iso xa tiña o zume de laranxa; e non podía dicirlle ás azafatas do avión que refresco quería exactamente senón optar por “refresco” en xenérico. Pode parecer de tolos, pero todo ten a súa orixe nunha filosofía concreta.

Chámase (ou chámanse) Enough e é un movemento que naceu en Gran Bretaña. Son anticonsumistas, porque pensan que no mundo xa hai demasiadas marcas e que estamos tan manipulados por elas e polas súas comunicacións que consumimos porque si, máis alá do que precisamos. O punto de partida da súa postura está xusto aí: consumes o que precisas ou consumes nun insaciable frenesí? Son, por exemplo, esas Pretty Ballerinas ás que aspiras algo que precisas para saír á rúa ou son un capricho derivado de todos os impactos que recibes da marca?

A súa filosofía non parte da nada e dan unha serie de argumentos interesantes para que polo menos te pares a pensar un momento no que din. Por exemplo, Estados Unidos só ten o 6% da poboación de todo o mundo… pero é o 30% do consumo. En liñas máis xerais, o 20% da poboación consume o 70% dos produtos. Estados Unidos, Canadá, Europa Occidental, Arabia Saudí, Australia e Xapón son os que asumen o groso do consumo nun mundo no que, obviamente, non están sós, alertan, lembrando que as razóns da fame e da pobreza duns están no reparto pouco xusto da produción do planeta.

É fácil saír dese mundo do consumo? É sinxelo vivir sen marcas nun mundo no que todos amamos as marcas ata un fervor relixioso (no seu anterior libro sobre neuromarketing, Lindstrom descubriu que a parte do cerebro que se pon en acción cando os fans de Apple reciben información sobre a marca é a mesma que a relacionada coa fe)?  Martin Lindstrom conseguiuno unha tempada, aínda que pasar tempo en aeroportos e evitar o mundo das marcas era unha tortura. Un día, perdéronlle a maleta nun voo e non tivo máis remedio que comprar algo para vestirse ao día seguinte. Fíxose cunha camiseta nunha tenda de souvenirs… e xa non puido parar. Durante as seguintes semanas mercou coma un tolo, acumulando todas as marcas que a súa desintoxicación lle fixera deixar atrás.

Deixar as marcas non semella moi doado.

Foto |  lyzadanger

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *