O xurado da XXVIII edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 25.000 euros e ao cal concorreron 40 obras, fallou este sábado conceder este galardón ao escritor Xavier Queipo, autor da obra ‘Extramunde’. Así mesmo, Anxo Fariña resultou gañador do Premio Merlín de Literatura Infantil por ‘A chave da Atlántida’ e Héctor Carré fíxose co Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil pola novela ‘Febre’.
Esta gran festa da literatura galega celebrouse na Illa de San Simón, nun acto literario-musical ao que asistiron máis de 300 persoas. Celia Torres, coordinadora e presentadora dos premios, abriu a velada lembrando uns versos optimistas de Lois Pereiro, para logo dar paso a O Leo i Arremecághona, o cantante de Matamá que se fixo cargo do apartado musical da velada. María Xosé Queizán, que actuou como mantedora literaria, falou sobre as ‘trobairitz’, as donas occitanas que no século XII compuxeron cantigas na lírica medieval, unha xoia literaria que tería repercusión na cantiga de amora galega. O director da editorial, Manuel Bragado, pechou o acto.
O xurado valorou do texto de Xavier Queipo (Santiago de Compostela, 1957), licenciado en Bioloxía e Medicina e residente en Bruxelas, onde traballa como funcionario da Unión Europea, “a calidade da súa escritura, na que destaca un arranque espectacular e unha enorme plasticidade”. Do mesmo xeito, salientou que “botando man dun certo rexistro expresivo de ton profético, o autor constrúe unha magnífica novela de aventuras que dialoga con clásicos como Stevenson ou Jack London”.
A obra conta a historia dunha hoste de condenados pola Santa Inquisición, formada por eivados e torturados, que parte do santuario dos embruxados cara ao porto de Betanzos, guiados pola man do capitán Mourelle.
En palabras do propio autor a novela é ademais “unha reflexión sobre o papel esmagador da ideoloxía oficial, a represión das minorías, o poder omnímodo da igrexa, a exploración do mundo e a procura da liberdade”.
‘Febre’, de Héctor Carré (A Coruña, 1960), cineasta e escritor, relata un episodio, localizado na vila de Noia, da febre do volframio -o ouro galego-, durante os anos 40.
‘A chave da Atlántida’, do ilustrador e escritor Anxo Fariña (Vigo, 1970), é unha novela de ciencia ficción sobre o mito do continente perdido na que “se mesturan os mitos dunha civilización antiga coas posibilidades ofrecidas polas biotecnoloxías e da robótica do futuro”.
Foto | Xerais
Estades en todo