Marc Cortés: “O 2.0 é coma un gran terreo magmático”

Unha das ponencias máis interesantes da xornada Internet es Tuyo, que se celebrou hoxe en Madrid (si, estaban tódolos popes do online do país) foi a de Marc Cortés, consultor (esa xente que coma el mesmo dixo ‘venden fume’) e un dinámico profeta do futuro da rede.

Cortés deixou varios titulares valentes. Dixo que “o 2.0 é coma un gran terreo magmático”, recordando que non se sabe moi ben aínda que é o que hai debaixo de todo o fume das redes sociais. Porque… ¿todo o que se está movendo no social media é realmente tal e como o cremos? ¿É tan importante ter amigos, ter fans? ¿Deben as empresas pelexarse por conseguir máis seguidores nas redes sociais? ¿Ou deberían empezar a pensar en rentabilizalos?

Porque o core da ponencia de Cortés (e por iso atopades a noticia en marketing e non en redes sociais) centrouse no que as empresas están a facer (mal) nas redes sociais. “As conversas están sobrevaloradas”, asegurou rotundo. As compañías están a conducir todos os seus esforzos en conseguir que os seus potenciais clientes ou consumidores vaian a estes portais que non son propios, coma por exemplo YouTube ou Facebook, para seguir alí a súa mensaxe. Acumulan. E acumulan. Pero ¿para que lles serve?

“Se es unha empresa deberías pedirlles retorno empresarial”, apuntou. Resumindo: calquera esforzo de marketing e comunicación que se lance ás redes sociais pero que non teña un claro retorno na imaxe da marca, na fidelización do usuario ou no impacto de venta é tolería. El non o dixo así, claro, pero iso era o que se podía concluír. Ter amigos, asegurou, non pode ser un índice de medición para ningunha empresa.

A febre social media pasará, o fume se esvaecerá e o esforzo en marketing podería quedar en auga de borrallas. Segundo explicou Cortés, recordado a un amigo, as redes sociais son coma unha caña de cervexa recén tirada. Ten moita espuma… que acaba desaparecendo.

Outras ponencias

Internet es Tuyo é unha cita anual con xente do internet de toda España que se atopan en Madrid. Este ano falouse de protección de datos (co mensaxe de mellor inverter en facelo ben que chorar ante as terribles consecuencias), de emprender low cost (non moitas leccións, se non xa estaríamos a montar o Google galego) ou de social media, ese xa clásico.

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *