Vero: a nova rede social que promete ser boa

 

Isto non é tanto por unirnos á moda e ao tráfico que vén asociado (que tamén), senón por pura ilusión e nostalxia. Entrar en Vero, a nova rede social que quere salvarnos das garras de Facebook e lanzarnos ás dun millonario corrupto e un grupo de programadores rusos (pero eh, non sexamos racistas), é como volver a 2012. Lembrades? De súpeto había unha nova app (xa dicir ou escribir app era como sentirse no futuro) moi bonitiña que prometía o mesmo pero de forma distinta e críamos que era posible darlle o esquinazo a Facebook. Mark Zuckerberg aínda non parou de rir.

O caso é que eramos inocentes e descargabamos a app e buscabamos contactos e só estaban eses tres coñecidos de sempre, eses aos que case nin saudamos se os vemos pola rúa pero que son os nosos tres primeiros amigos de todas as redes sociais (#earlyadopterproblems). Despois enviabamos invitacións aos nosos contactos, soltabamos discursiños no café aos nosos amigos e colegas sobre por que tiñan que unirse e durante dúas actualizacións estabamos a tope. Pero aí quedaron as nosas contas de Path, Ello e Diaspora, cheas de po e esquecidas, xunto coa nosa inocencia. Que pasa con Vero e por que está todo o mundo (se facemos caso aos artigos de internet) tan emocionado desde hai como 40 horas?

Porque o caso é que Vero non é algo novo: naceu en 2015 e levaba uns anos malvivindo pasando desapercibida nas tendas de apps. A semana pasada, de súpeto, como explican en Mashable, empezou a subir e agora é a app número 1 na App Store. O máis curioso de todo é que non se sabe a que se debe este interese repentino. Non é como cando Facebook mercou Whatsapp e Telegram viviu uns días de felicidade e servidores caídos. Como resposta á compra de Instagram a reacción chega case cinco anos tarde. É polo cambio de algoritmo en Instagram? Din que ten que ver (Vero amosará as cousas sen algoritmo, por orde cronolóxica!), pero é como se de súpeto tivesemos lembrado que entregarlle a nosa alma a Zuckerberg non mola. Como querer manter a independencia e… escoitas iso? Si, son as gargalladas de Mark.

Pero vaiamos ao importante. En que consiste Vero e por que é a nova elixida polo pobo internauta? No seu manifesto (si, ten un manifesto) atopamos a resposta e as palabras máxicas: os usuarios non somos o produto. Non hai nin haberá publicidade. Non queren os nosos datos. Non cren na definición de amizade de Facebook. Son boa xente, prometen, que valoran a nosa privacidade e blablabla. Vivirán de cando empecen a cobrar aos usuarios por estar na rede, pero non se estás entre o primeiro millón.

Descargamos a app. Facemos o rexistro. Isto é o que atopamos (ademais dos nosos tres primeiros amigos de toda rede social).

É todo moi intuitivo porque non hai moita novidade. Temos un feed no que iremos vendo as actualizacións dos nosos contactos (aos que temos que dividir en amigo íntimo, amigo, coñecido ou simplemente seguir). Esas actualizacións serán fotos ou vídeos aos que se pode engadir un texto. Ademais, veremos recomendacións: de libros, música, películas, series e lugares. Veremos estas cousas se temos contactos aos que seguir, claro. Se entras e de momento só ves o baleiro, terás que invitar aos teus contactos. Como a cousa vai ou por mail ou por SMS (claro, non fan o de vincular a conta a Facebook!), o sistema é un pouco trapalleiro. Sentiraste un pouco spammer cando Vero decida enviar ese mail a toda esa xente sen BCC (que si, que o podes cambiar ti, pero podía facelo por defecto).

Á hora de subir contido, o máis orixinal —o das recomendacións— é o que funciona peor. A culpa é do buscador, claro, que moitas veces di que non atopa cousas que despois en realidade si ten, polo que o uso pode ser un pouco frustrante. Non parece culpa do catálogo: usa o de iBooks para libros, iTunes para música, themoviedb.org para pelis e series, Foursquare para lugares. Si, tamén planean que no futuro se poidan mercar esas cancións, etc. desde a app e levar unha comisión.

Igual notastes o escepticismo. Non é que non nos guste Vero. A idea é boa, cando o tráfico baixe e deixe de ser lenta pode estar ben, aínda que só sexa para cambiar un pouco. O problema é o desa aura de santidade coa que se presentan que fai que me fíe deles case menos que de Zuckie e compañía, cos que polo menos xa sabemos que é o que hai. Despois está o das posibilidades de éxito. Non estamos ante un novo Snapchat nin Instagram nin calquera idea que no momento foi distinta e case rompedora (ou foi quen o fixo mellor). Entrarei en Vero varios días. Pero se sigo con catro amigos, segue sen atopar as miñas buscas e a ser tan lenta… Si, Mark continúa a rir.

*Por certo, vero significa ‘verdade’ en esperanto.

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *