O disco da semana: Ruins, de Grouper

5a266580Liz Harris, aos seus 33 anos, vai lanzar o seu noveno álbum baixo o alcume de Grouper. Nove discos en nove anos, e sen contar colaboracións. Se cadra non hai moita novidade que agardar a estas alturas, se ben hai xente que fai da beleza, rutina. Xente que pare novos sons cheos de esplendor e finura, con insultante facilidade, como este ‘Ruins’ (Kranky, 2014). ‘Ruins’ é un disco que nace da nada. Da absoluta soidade dunha casa abandonada na que apenas se pode escoitar o croar dunha ra, nun estanque ao final da finca. Vexetación, sensación de abandono, un piano, algunhas ventás con cristais rotos, e a voz de Liz Harris. Falta o lapis co que comezar a deseñar o plano de ‘Ruins’, dende o inicio Made of Metal, e estamos listos para comezar.

Aos que non coñecésedes a Grouper con anterioridade, seguramente ‘Ruins’ será un fantástico xeito de comezar a familiarizarse con Elizabeth. Esperar o xusto e preciso para que tome realmente o timón do disco, agarime as teclas do piano e comece a entoar a conmovedora Clearing, o mellor tema do disco, nada máis empezar. Espido, absolutamente desposuído de nada que non sexa esencial, estritamente. Debuxar ese plano a trazos de corda e voz fría, estremecedora, mesmo cando quere apertarte.

A continuación, Call Across Rooms, como se alguén fose a escoitala na escuridade, tanto do seu son como das súas letras. A voz de Liz, case con medo a saír, dende o murmurio. Outra canción magnífica que abre un espazo ao exclusivamente instrumental, a Labyrinth, que chega a desorientarnos e conmovernos por igual ou aos ecos de Lighthouse, reincidente no delicado e escultural.

Chegamos a un tramo final no que Grouper explora un terreo máis experimental. Máis arriscado e atrevido. Un terreo do que sairás fascinado ou, directamente, aburrido. Dende a calidez de Holifernes a eses últimos segundos de chuvia de Holding, Liz Harris aposta por unha evolución pausada dende a neoclásica ao dream pop, acabando con esa peza ambient chamada Made of Air, que seguramente teña o defecto de non acabar de seguir un fío condutor coherente co resto do álbum, de parecer posta aí case máis por obriga que porque o conxunto realmente o precisase. Algún pero había que pór.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *