Nacer, medrar, ter unha hipoteca, reproducirse, envellecer con dignidade, palmala sen dor… Estudar se vales, porte a traballar canto antes se non. Son pasos marcados, case por inercia, como o que se adiviñaba en ‘Taiga’ (2014, Mute Records), o quinto disco de estudo de Zola Jesus. Estaba claro que Nika Roza Danilova estaba ampliando o seu espectro de público. De xeito natural, sen forzar, pero o seu nome artístico era cada vez menos descoñecido para o público. Unha evolución continua na que un non podería asegurar cando comezou a ter certa repercusión, pero que facía esperable un xiro cara sons algo máis dixeribles en ‘Taiga’. Iso se daba a entender con Dangerous Days, o primeiro adianto deste novo disco.
E é curioso dicir iso nunha proposta tan extrema, barroca e dark wave como a de Zola Jesus, pero, tendo en conta que unha voz tan fóra do habitual como a de Nika define necesariamente o teu camiño a seguir, é certo que non se imaxinaría hai anos que unha canción de Zola Jesus puidera ter como obxectivo alcanzable asaltar as pistas de baile, cousa que podemos atopar aquí en cortes como Hunger. Nada malo hai niso, sobre todo se se fai ben e de xeito consistente, como é o caso, aínda que a un non deixe de vírselle á cabeza a idea que a Zola Jesus máis tenebrosa é a que máis lle fascina.
Nese senso, ‘Taiga’ non defrauda. É certo que o termo medio é máis doado de asimilar para os non iniciados, pero os ionquis da negrura temos as nosas doses cumprida e concienciudamente dispostas, dende o corte que abre o disco e lle dá titulo, ata Go (Blank Sea), xenial, seguramente a canción mellor empacada de ‘Taiga’, pasando por unha máis insulta Dust. E esa liña segue o disco, coa en principio minúscula Ego medrando exponencialmente ata morrer antes dos tres minutos.
Como comentabamos, boa parte da forza de Zola Jesus reside na poderosa voz de Nika, que no pasado se valía soa para trazar atmosferas o suficientemente suxestivas. Agora atopamos un punto máis grandilocuente, como en Lawless, pero polo momento moi ben xestionado. Zola Jesus levándonos ao centro do seu universo, sen esforzo aparente, por enésima vez. Pero ‘Taiga’, que non moi en todo momento sobresaliente ata aquí, sementa varias dúbidas cara o final. Nail sería un corte de recheo en xente como Rihanna (á que cada vez en máis momentos comeza a lembrar), e outras tentativas de transcender resultan baleiras, como a anterior ou Long Way Down, penalizando a nota final do disco, por moito que Hollow ou It’s not over acudan ao rescate. ‘Taiga’ quedará un par de chanzos por debaixo dos seus predecesores.