O disco da semana: They Want My Soul, de Spoon

They_Want_My_SoulPleno século XXI, onde os discos se poden escoitar mesmo varios meses antes de seren lanzados ao mercado, e imos nós a falar hoxe dun que xa se deixaba escoitar a comezos de verán. Chegamos tarde, pero din que o importante é chegar. Dende logo, independentemente de cando, a Spoon conviña acabar escoitándoos, e ao seu oitavo disco, ‘They Want My Soul’ (2014, Loma Vista), tamén. Un traballo que elabora un crebacabezas de dez pezas tan ben ensamblado que semella recén mercado. Dende singles tan ben rematados como Do You, coa súa ledicia banal, co seu afán por gozar da música, ata a seguinte Knock Knock Knock, un tema que te move a impulsos, a golpes de guitarra acústica, o meu favorito dun “They Want My Soul” brillante.

Que a delicadeza non será o eixo vertebrador do novo disco de Spoon queda claro dende os primeiros acordes de Rent I Pay (que serviu ademais de primeiro adianto do disco). Aquí vimos a forzar as cordas vocais, a que a saliva fuxa da nosa boca por cantar dende as tripas, moi pouco preocupados por manter a compostura. Un tema que sabe a clásico, a absolutamente anello pero igualmente encantador, e que atopa en Inside Out a introversión precisa (ese comezo case ambiental) para que a nosa historia de amor con ‘They Want My Soul’ comece a fluír de xeito natural, sen que nada teña que forzarse.

Atopámonos cun traballo que tira a miúdo do ‘menos é máis’. De que as cancións non busquen milleiros de trocos de senso para exercer unha atracción letal. Que sexan iso, tan só cancións. Pero cancións xeniais e sinxelas dende o pop rozando o mainstream de Rainy Taxi a ese flirteo coa electrónica (compoñente bastante presente en “They Want My Soul”) de Outlier. Apenas podes atopar fisuras neste disco, non treme por ningún recuncho, non hai gríteas, non hai feridas emanando sangue.

Joe Chiccarelli (que hai pouco traballou con Russian Red en “Agent Cooper”) e Dave Fridmann encárganse da produción, na que o batería de Spoon, Jim Eno, tivo menos que ver neste disco. Non se nota a súa falta, o son de Spoon segue a ser glorioso e cheo de proximidade. Imposible non encherte de amor por cortes como I Just Don’t Understand ou New York Kiss, que pecha este disco recomendado para nenos e maiores. De precisa escoita en calquera fogar de ben.

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará