O disco da semana: Popular Problems, de Leonard Cohen

lc1Cando moitos dos teus mitos musicais se van facendo vellos, hai algo dentro de ti que desexa que non sigan facendo música. Case nunca se consegue que o novo material estea á altura do mito (aí temos a U2, que nos estarán lendo). Pero ás veces a excepción aparece agarimándote os oídos. Ás veces atópaste con Leonard Cohen, que amosa que o de ‘Old Ideas’ non foi flor dun día. Ás veces atópaste con pequenas delicias concentradas, con ‘Popular Problems’ (Columbia, 2014). Quizais un corra menos riscos cando a súa aposta musical é tan sinxela. Nin riffs innovadores, nin lumes de artificio. O único que ten que facer, sinxelamente, son cancións, e ten a capacidade innata de que a fórmula con medio século de idade, siga mantendo a maxia. Leonard Cohen non é o único artista que sobrevive ó paso das décadas, pero seguramente si sexa o seu máximo expoñente.

Que ós oitenta anos (cumpriunos onte) te vexas pouco menos que obrigado de verdade a volver á música non semella o mellor punto de partida. Será difícil saber (non o saberemos nunca, en realidade) se Cohen tiña previsto vivir esta etapa de volta ós estudos e escenarios de non terse visto preto da ruína tras ser estafado. Seguramente agora estaría gozando dunha apracible xubilación nalgún templo budista. Pero, en caso de non ter atopado máis motivación que a necesidade económica, o certo é que ‘Popular Songs’ semella o contrario: unha obra que alguén ten dentro da súa alma e, necesariamente, debe compartir cuns oíntes de referencia.

É así, dende as tripas, dende onde poden nacer curtes tan fascinantes como Almost Like the Blues, que serviu de fabuloso adianto para o que xa é o seu decimo terceiro álbum de estudo, tras un Slow que suma ós coros habituais (quizais excesivamente presentes) nas súas producións cunha voz do propio Cohen que evolucionou dun xeito moito máis que digna. Afastado da dozura que reflexa cada un dos seus actos, a voz amósase dura, ronca, chega de fondo e saudade. A voz de Leonard Cohen vive, preto do fin, un dos mellores momentos da súa carreira. “Popular Problems” contén cancións de intensidade brutal, de profunda desacougo, como A Street, pero tamén goza de notable sonoridade, de cancións menos abafadoras nas melodías, como Did I Ever Love You? ou My Oh My, fantásticas e lixeiras, no mellor senso da palabra. Sobre todo a primeira, cuns arpexos de guitarra que compoñen un dos momentos máis redondos de ‘Popular Problems’.

Consciente diso, de que a tinguidura da súa voz foi adquirindo unha tonalidade escura ata a negritude, Leonard Cohen utilízao como arma na misteriosa Nevermind, inquietante. Un corte que te enche de calafríos e te arrepía, desexando que pronto Cohen te abeire, coa axuda das súas coristas, co apoio de Born in Chains e You Got Me Singing, os dous temas que pechan ‘Popular Problems’, o enésimo fantástico disco de Leonard Cohen.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará