Alt-J é un deses grupos que semella ter percorrido un longo camiño xa, por moito que ‘This is All Yours’ (2014, Infectious), sexa aínda o seu segundo disco. Un debut con tantos ríos de tinta corridos como ‘An Awesome Wave’, serviulles para garantir unha prolífica carreira (levar o Mercury Prize é como ter unha casa coa hipoteca xa saldada, a partir de aí, a vivir), pero tamén para acumular algún detractor. Non semella que ‘This is All Yours’ sexa o disco axeitado para que fans e haters muden de opinión. Ata agora era case imposible facerse unha idea do camiño que seguiría o disco, con dous adiantos tan opostos como Hunger of the Pine e Left Hand Free, que poderían ter pertencido a bandas diferentes. Porén, ambos temas erguían expectativas bastante optimistas.
Entón, Alt-J deixarían atrás ese son experimental de ‘An Awesome Wave’ para acoller un estilo que os fixese queridos polo público achegado ó mainstream? Repetir con Charlie Andrew como produtor non facía pensar en que esa hipótese fora ter moito valor, pero a resposta só a atopamos agora. Na liña pola que transita o discurso de ‘This is All Yours’, moi análoga ó seu debut. O sophomore saíu semellante ó irmán maior, a pesar deses intentos de xogar ó despiste. As augas están no curso agardado dende o inicio de Intro. Aquí, os que albergaran a esperanza de que Alt-J se volvesen tolos e puxesen todo patas arriba atopan o momento oportuno para abandonar o barco.
Os que non o fagamos, atoparemos un traballo moi interesante, mais non exento de varios tropezos importantes. De subidas e baixadas mesmo dentro do mesmo tema (ese troco de rexistro en Nara, co momento no que a voz de Joe Newman queda case soa, case arruína o que ata aí era un tema estupendo). Tralas dúbidas de Arrival in Nara, un tema certamente frouxo nada máis empezar, e que che fai temer o peor, o certo é que ‘This is All Yours’ retoma o voo con eficacia, encadeando varios temas de factura impecable ata ese corte que supón Garden of England, absolutamente anódino. Nara, Every Other Freckle e a xa comentada Left Hand Free puxan con forza, e non só están ó nivel do debut, se non que pode que mesmo algo por enriba.
E xusto na parte na que Miley Cyrus aparece na vida de Alt-J, é cando, en realidade, se poñen máis intimistas. Ó principio un intimismo moi mal entendido. Choice Kingdom no arranca nin cunha traca de petardos. É certo que non busca a inmediatez, pero o seu atractivo remata sendo nulo, ideal para pasala de longo en futuras escoitas. Mellores prestacións para o single de presentación (si, síntoo, a min gústame moito), e para The Gospel of John Hurt que melloran con moito ó resto de temas que compoñen esta fase final de ‘This is All Yours’.