O disco da semana: The Cautionary Tales of Mark Oliver Everett, de Eels

eels_cautionarytales_cover_square_web-608x608Vós lembrades esas primeiras fotos de gatiños? Si, xa sei que agora estades tan fartos de fotos de gatos que vos horripilan, que os matariades coas vosas propias mans, ou que, dando marcha atrás no coche, estariades encantados de que o tranquilo felino estivera botando unha sesta baixo a túa roda traseira. Agora as fotos de gatiños sacan o peor de nós, pero a primeira non, salvo que vós neguedes que deixastes de ser fans das fotos de gatiños dende que agora venden un mundo de discos. A primeira foto entenreceute un chisco, por moito que tentases que non se notara. Ou a primeira foto de bebé disfrazado de ensalada por Anne Geddes, que te facía sorrir, e agora estás ata as narices. Hai cousas que, sinxelamente, son bonitas. Podes buscar adxectivos máis currados, escudriñar palabras máis elaboradas, mesmo tentar traballarte unha prosa poética, que é o que pode merecer ‘The Cautionary Tales of Mark Oliver Everett”‘(Relativity, 2014), o undécimo disco de Eels. Pero ó final non se me ocorre nada mellor para describilo que dicirvos que é un disco realmente bonito.

Falamos dun home deses que son sempre aposta segura. Que nos regalou tanto que ata se lle perdoa que toque en chándal (pouco, perdóaselle pouco, pero perdóaselle). Que Mark Oliver Everett é un escritor maiúsculo quedou amosado máis aló da súa faceta musical. E esa faceta volve a aparecer nesta ocasión. ‘The Cautionary Tales of Mark Oliver Everett’ é un disco cíclico, que camiña dando voltas en círculo, que chega ó punto exacto do que saíra, pero sen que iso sexa signo de que se perdera entre a poboada maleza selvática. Where I’m At marca a breve partida dun disco que agarima a cada arpexo, en cada momento que a resgada e calmada voz de E durante Parallels se fai dona de todo. As altas prestacións do disco cócense aí, ó principio. En momentos como Agatha Chang. O disco aínda está fresco, carente de contas pendentes ou de dificultades para manternos vivos e atentos. Algún desvío, algún xogo, algún troco de intensidade, de forza. Así, da suave man de A Swallow in the Sun, todo delicadeza, comezamos a deixarnos querer, a baixar a garda. Podedes pórlle o disco a calquera colega que descoñeza a Eels, e pouca pega lle porá. Quizais non o abrace como fan insubornable para sempre, pero aceptará que de cancións como ese medio tempo que é Where I’m From, e que marca algo así como o corte entre a cara A e a cara B do disco, é moi coado caer rendido. Ata este momento, moi ben por E.

O problema é algo no que xa vos vimos introducindo: a emoción. Que un disco che guste non é pouca cousa. De feito, é terriblemente importante. Pero, como en calquera tipo de arte, ó final isto vai tamén de que unha obra te encandile, te estremeza, te excite. E ‘The Cautionary Tales of Mark Oliver Everett’ cae no baleiro en varias ocasións. Non tantas como para que deixes de terlle moito agarimo, pero si as suficientes como para que non perdas a cabeza por el. Lockdown Hurricane daba algunha pista de trivialidade, e xusto despois de que as caixas de música de Series of Misunderstandings aporten un ramalazo de conmoción, Kindred Spirit e Gentlemen’s Choice caen un pouco no anodino. Seguramente a segunda amose máis orgullo, pero é difícil atopar un motivo para perpetuala, para gravala a lume na túa memoria. E aínda que o disco xa fixo os méritos máis que suficientes para aprobar, e pezas tan belas como Dead Reckoning lo empurren cara a notabilidade, son varias as patas que coxean na mesa de E.

E esa sensación non troca. No camiño de ida e volta de ‘The Cautionary Tales of Mark Oliver Everett’ os últimos pasos danse con enerxía cambiante. Como se nos movésemos por arreóns, máis que con velocidade de cruceiro. Dende ese arrastrar os pés propio dos problemas de psicomotricidade de Answers, que nos poñen en risco de tropezón, á frescura e vitalidade de Mistakes of My Mouth, que cura calquera tipo de ferida, calquera amago de achaque. Que reaviva as brasas que empezaban a dar mostras de enfermidade terminal. Un deses luxos que no merece misturarse coa superficialidade que tamén existiu no último de Eels. Un disco que se pecha sólidamente con Where I’m Going, volvendo ó punto de partida tras un camiño de dificultades, pero, iso si, ben resoltas na súa maioría. ‘The Cautionary Tales of Mark Oliver Everett’ non agrandará demasiado a lenda de E, pero será un motivo máis para seguir queréndoo.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *