Nacho Mora: “O galego, culturalmente, é case underground”

maxresdefault

Se cadra non sabiades que se chamaba así, pero si coñecedes á Elephant Band ou a Meu. Agora, Nacho Mora decide achegarse á poesía e aos poetas galegos, e rescata traballos de Álvaro Cunqueiro, Celso Emilio Ferreiro, Uxío Novoneyra ou Eduardo Pondal entre outros. O motivo? Musicalos dende unha querencia pop, para que xuntos formen ‘Entre zocas e lóstregos’, o que será o seu primeiro disco con este novo proxecto, e que mañá pasará a reválida do directo no aniversario dos Concertos de Retroalimentación. En Disquecool a idea pareceunos fantástica, e ergueunos a curiosidade precisa para querer falar con Nacho.

Disquecool: Estilísticamente, estaremos dacordo en que tras vir da Elephant Band e Meu, semella que este proxecto en solitario ten pouco que ver. Por que esa virada?

Nacho Mora: O certo é que entre medias estiven traballando noutro proxecto en castelán, Hermosa Beach, que supoño que é o eslabón perdido. Pero tiña a inquietude de facer algo en galego, quizais pola morriña de levar anos vivindo fóra de Galiza.

D: Se xogamos ás comparacións, sen saber nada do disco, Lucas 15 chega pronto á mente. Logo vexo que Xel Pereda figura como produtor… casualidade?

NM: Non, de feito Xel foi o primeiro que dixo que quería ser o productor do disco e un dos que máis me animaron a facelo realidade… eles acababan de publicar Lucas 15 cando eu empezaba a traballar cos poemas, musicalmente non hai tanto paralelismo, se cadra máis no plantexamento de retomar as tradicións autóctonas…

D: Pero aínda que o espírito de ‘Entre as zocas e os lóstregos’ semelle encamiñado ao folk, o seu son semella moito máis cercano ao pop, ou hai sorpresas?

NM: Si, creo que hai máis dunha canción que vai máis lonxe, por iso escollín ese título para o disco, é dun poema de Cunqueiro, e penso que as sonoridades que podes atopar ao longo do disco son iso, un camiño entre as zocas e os lóstregos.

D: Como escolliches poetas e poemas?

NM: Pois tras moita lectura, sabía máis ou menos por onde quería tirar, os autores que me gustaban. Ao mesmo tempo fun coñecendo outros autores e buscando bitácoras en internet, e algúns poemas quedaron no camiño porque tampouco lles pillaba o punto, pero despois aparecían outros…

D: Cres que o pop é unha boa forma de facer chegar a poesía galega á xente?

NM: Si, claro, a música en xeral. A popularidade que lle deu Luz Casal a Negra Sombra non o conseguiu ningún editor, a música popular sempre foi o mellor transmisor da poesía.

D: Lisabö, Negu Gorriak ou Fermín Muguruza en euskera. Mishima, Manel ou Antónia Font en catalán. Todos triunfando a nivel estatal. Agora que a música galega lidera na actualidade o panorama musical alternativo en España, o galego segue sen utilizarse, por que?

NM: Pois iso mesmo pregúntome eu. Ben é certo que en Galiza a tradición no uso da nosa lingua sempre foi monopolizado polo folk, exceptuando o periodo bravú, e penso que isto mesmo foi o que fixo que moitos músicos se afastaran desa tendencia. En Euskadi ou Catalunya, parece que non teñen eses complexos, e a tradición de facer música nos seus idiomas sempre foi moi ben recibida pola audiencia e considerada un plus. O galego non direi que nunca saíu dos séculos escuros porque gozamos dunha obra literaria inmesamente rica, pero a nivel social segue arrastrando estigmas do século pasado, e culturalmente é case que underground.

D: A través do micromecenazgo atopaches toda o apoio que solicitabas, mesmo uns cantos días previos ao final de prazo.

NM: Si, dez días antes, tiña dúbidas do interese que espertaría un proxecto así e o micromecenazgo era a mellor maneira de coñecelo de primeira man. Non é doado facer as cousas á marxe de oficinas de promoción e publicidade das que gozas cando lanzas un disco dende unha discográfica.

D: Estarás este venres presentando o proxecto en concerto, no aniversario dos concertos de Retroalimentación, na Sala Mardi Gras (mañá venres, ás 22:00). Pero cando cres que poderemos ter ‘Entre as zocas e os lóstregos’ na man?

NM: Pois cando finalice o periodo de crowdfunding, mandarei a fábrica e coido que en dous meses como moito, espero que sexa antes!

* Podes apoiar o proxecto de Nacho Mora en My Major Company

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará