Xúrovos que non quería. Outra máis. Outra moza con guitarra. Se ó final todo é o mesmo, todo moi ben, pero todo o mesmo. Todo remata por aburrir… ou non. Ás veces, só ás veces, cando derrotas a preguiza, levas un premio. Como con Angel Olsen. Arríncache un sorriso e un pensamento en xeito de “que capulla!”. Descolócate e dáste conta de que xa non sabes moi ben se é que ten algo especial ou é que cho parece a ti só. En todo caso, hoxe estamos aquí reunidos para recomendarvos a escoita de ‘Burn Your Fire For No Witness’ (Jagjaguwar, 2014) , e non foi sen tempo. Hai xa moito, case oitenta anos, naceu Leonard Cohen. Entón el non sabía que ía ser Leonard Cohen, non o viu vir ata tempo despois. Tampouco era consciente de que ía escribir unha xoia chamada White Fire. Unha peza que leva voz e letra de Angel Olsen, pero que en realidade podería ter asinado o Leonard Cohen de Stranger Song. Se existen os frechazos musicais, o que nos une a Angel Olsen, o que nos liga a ‘Burn Your Fire For No Witness’, é ese. O cuarto corte. Eses case sete minutos de recollemento, de calafrío. Da gran beleza. Dun dos mellores temas que pariu este 2014 polo momento. Claro que, como diciamos, este traballo non se conforma cunha influencia, cunha etiqueta, cun patrón. ‘Burn Your Fire For No Witness’ xoga con moitísimas revoltas, e case sempre sae vencedor. E nada de vitoria ós puntos. ‘Burn Your Fire For No Witness’ é un K.O. técnico. Incontestable.
Porque xa sei o que estades a pensar, e non vos culpo. Credes que isto é outra mostra de tediosa languidez, cos seus momentos acertados, pero de conxunto aborrecible. Outro experimento folk que non queredes probar. Ninguén poderá recriminarvos por iso. E menos cando escoitedes esa Unfucktheworld que abre o álbum coa voz de Angel Olsen nun misterioso segundo termo, a medio camiño entre a canción de berce e ide vós saber que. Unha canción fantástica, que se desvanece cando apenas comezabas a saboreala, pero que non quitará ese temor primixenio da cabeza. Ó mellor esa guitarra, ese axiomático comezo de Forgiven/Forgotten comeza a facer que caiades da burra. O malestar que adiviñabades para estes tres cuartos de hora só existía, en realidade, na vosa imaxinación. E non porque ‘Burn Your Fire For No Witness’ non conte con algún fallo. Pero quizais sexan máis de estratexia que propiamente musicais. Explícome: Hi-Five, terceiro corte, e escollido como primeiro single. Que probablemente sexa o seu, a canción que menos renxe ó ser escollida para ese fin. Pero, dende logo, non a mellor de ‘Burn Your Fire For No Witness’.
Se mo permitides, que mo ides permitir, en canto a cortes con máis nervio e enerxía, eu quedo con High & Wild. Máis sucio, máis contundente e eficaz que o previo. Como amosando a Angel Olsen sen preocupacións á hora de saír guapa na foto. O exemplo de que aquí o indie rock ocupa a mesma porcentaxe da torta que o folk, e que ambos son plasmados coa solvencia de alguén que non semella estar debutando, precisamente. Xa sabes que non estás a tratar cun hype, que aquí hai tema. Que non en balde xente como Bonnie ‘Prince’ Billy ou LeRoy Bach se fixaron nela para que os acompañe. Porque ó final o talento vence ós prexuízos. Porque ata aquí nos atopamos con media ducia de temas, coa setenteira Lights Out incluída, de calidade incuestionable. De factura impecable, que nos levan a facer absurdas cábalas sobre o teito de Angel Olsen, cando apenas empezamos a coñecela.
Redobramos apostas. Afrontamos un final esixente, con algún altibaixo, pero cunha nota media máis que notable. Os ouveos que unha ‘Stars’ que, dende a convencionalidade, vai medrando a través da dor e os agudos, dos bailes mentais e bucólicos que se somerxen en Iota, quizais algo menos transcendental, ou a maxestosa Dance Slow Decades, que xoga a levar a intensidade e a emoción ás maiores cotas que se presentan en ‘Burn Your Fire For No Witness’. Un deses momentos, nos que as melodías se apoderan de todo, nos que case merecía a pena que o disco tocase ó seu fin. Basicamente porque Enemy, agora si, non está á altura das demais. Tivera sido case mellor que nin figurase, que non nos lembrase que Angel Olsen colou un tema menor na selección definitiva. Ou mellor dito, un que non aporta nada que non fixeran os seus predecesores con mellor factura. Poderían asaltarnos as dúbidas, pero chega Windows, superlativa, para eliminalas dunha labazada, para encollernos o corazón e rematar de namorarnos. Si, é unha moza con guitarra, pero non outra moza con guitarra.