Quixera comezar esta crónica pedindo desculpas aos lectores. O cronista que firma este artigo deixouse levar pola música e os bailes esquecendo reparar en aspectos que habitualmente forman parte dun texto xornalístico sobre música. Por iso, o texto que prosegue a esta aclaración non pretende ser obxectivo nin amosar outra cousa que a experiencia do autor durante o concerto.
Fría noite en Compostela (non dicían que xa viña o calor?) e o mellor plan para o xoves non podía ser outro que ir á Sala Capitol onde Galicia Importa traía, directo desde a costa californiana, a Nick Waterhouse. Que mellor plan para unha noite de xoves que mover o esqueleto ao ritmo do Rhythm and Blues da banda estadounidense?
Confeso que, algo asustado, comprobo que a media de idade é bastante superior á miña. Non me malinterpretedes, a idade nunca foi algo que me importara, simplemente pregúntome onde está toda esa mocidade universitaria que non está disposta a gastar as zapatillas bailando toda a noite. Quince minutos despois das dez, a banda sae ao escenario levando consigo as miñas cuestións filosóficas e as miñas preocupacións. Sorpresa a miña que, cando me quixen decatar de algo, o concerto xa rematara!
De novo, non pensedes mal. Paseino excesivamente ben bailando ao son de Nick Waterhouse como para preocuparme por nada máis que seguir o ritmo dese teclado omnipresente e vitorear á xenial corista. E é que así son os bos concertos: unha nube de hora e pico na que non te enteras de absolutamente nada máis que das notas golpeándote unha e outra vez facendo que sexa imposible estar quieto.
Quizais unha forma de resumir a actuación sexa falar do look do cantante. Impecable, perfectamente peiteado e cunha americana Nick Waterhouse comezaba o concerto ás, como dicía antes, dez e cuarto. O concerto finalizaba co cantante sen americana e visiblemente despeiteado despois dunha apoloxía da boa música da que ninguén puido escapar. Parellas bailando ao son dos acordes desa guitarra californiana, cervexas baleirándose a grolos para hidratarse despois dos bailes, todo sabía a pouco nun concerto que pasou demasiado rápido.
Presentando o seu novo disco, Holly (2014), a banda californiana ofreceunos varios temas do mesmo. Entre as baladas máis lentas salientar Let It Come Down no que de novo a corista destacaba cunha voz impresionante que cativaba a atención dun servidor. Pola outra parte, temas como Holly ou High Tiding fixeron as delicias daqueles que querían esgotar as forzas e os zapatos na abarrotada sala compostelá.
Non podo deixar de sentir mágoa por todos os que non vos puidéchedes achegar á Sala Capitol este xoves. Todos os que buscades nestas liñas unha descrición exacta do que ocorreu cando Nick Waterhouse subeu ao escenario sinto dicirvos que viñéchedes ao lugar errado. Non podo poñer en palabras algo que hai que vivir in situ. O esgotamento acumulado de non poder parar de bailar, o calor subindo a medida que os pes se moven sen parar, o fresco sabor da cervexa entre baile e baile… son sensacións que non se poden transmitir en palabras e que, estou seguro, os asistentes ao concerto compartirán comigo. Así que, a vindeira ocasión, xa sabedes onde tedes que estar: ghastando pista ao ritmo da música!
Foto Jesús Ferrer