Os festivais que veñen: abril 2014

festiXa está. A primavera está aquí, pase o que pase ao outro lado da fiestra, e iso significa que a temporada de festivais pode dar comezo. Volven eses días de música en directo, de ver moitos máis grupos dos que podemos lembrar, de descubrir nova música ou de marchar á barra a beber cando toca alguén que non nos gusta para así evitar as colas. Volven eses días de queixas á organización, de pasar frío cando marcha o sol, de rematar con dor de pés e costas. Volven eses días tortura autoinfrinxida, de tortura física que soportamos porque o que a cambio está a recibir o noso espírito fai que (normalmente) valla a pena.

E nós volvemos a esta sección primaveral e estival, a dos festivais que veñen. O de sempre: un en Galicia, outro no resto de España, outro no estranxeiro.

– En Galicia. FIV. Vilalba (Lugo), 11 e 12 de abril. Temos a sensación de que desde que esta sección empezou hai case tres anos, sempre metemos o FIV como festival galego de abril. E quizais sexa certo, pero que importa? É un clásico da primavera e a nós encántanos que ano tras ano continúe a celebrarse. Este ano temos a León Benavente, Amaral, The Gift, Fuel Fandango, Los Coronas, Maryland e moitos máis. Os prezos? 22 euros un día, 30 euros os dous (anticipada).

– En España. Gijón Sound Festival. Xixón (Asturias), 3, 4 e 5 de abril. Este festivaliño tivo a súa primeira edición o ano pasado e, como todo foi ben, en 2014 repiten. Haberá que visitalos antes de que se volvan un festival masificado! Durante tres días, a cidade énchese de concertos en distintas salas e espazos. Este ano poderemos ver a The Stranglers, The Fall, Nouvelle Vague, We Are Scientists, Christina Rosenvinge, Luz Casal, Sidonie, Lucas 13, e Howe Gelb, entre moitos outros. As entradas dependen do que vaias a ver, así que mellor consúltao na web.

– No estranxeiro. Snowbombing Festival. Mayrhofen (Austria), 7-12 de abril. Para amantes da música electrónica e da neve: un festival nun resort de esquí! Podes pasar o día facendo esquí ou snowboard e despois pola noite ver a The Prodigy, os Chemical Brothers, Groove Armada ou Four Tet, entre outros. E tamén pasear e desfrutar da beleza da vila austríaca de Mayrhofen, desas que parecen de conto. Os abonos para o festival véndense co aloxamento, así que hai prezos de todo tipo.

Foto | Incase

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *