Recuperando as Schubertiadas

Mareiras - estudio nuevo 01

Posiblemente non o saibades (nós non o sabiamos) pero Schubert era un pouco hipster. Moitos anos antes de que os de They Shoot Music, Don’t They? levasen a música aos pisos de Viena, Schubert facía o mesmiño cos seus amigos en… onde se non?… Viena. Franz Schubert levaba unha vida bohemia (iso é o que di a nosa amiga a Wikipedia), “rodeado de intelectuais, amante das tabernas e dos ambientes populares”. As schubertiadas ‘ocupaban’ a casa dos seus amigos e nelas bebían, charlaban, comían e escoitaban música (a música que moitas veces Schubert creaba para elas ou as obras novas, que presentaba nestas festas). Os encontros acababan a horas tardías porque os seus protagonistas estaban a pasalo ben (tamén se podía ligar, eran como os guateques pero do aínda máis pasado).

E tendo en conta o moito que gusta todo o vintage e os ingredientes que teñen estas citas, todo empuxa a recuperar estas festas, aínda que sexa só para unha ocasión especial. Iso é o que acontecerá este venres en Santiago de Compostela: dous séculos despois de que os vieneses beberan, comeran, namoraran e escoitarán música nas Schubertiadas, o composteláns poderemos facer máis ou menos o mesmo (se alguén atopa a súa media laranxa poderá ademais escribir un best seller de aeroporto coa experiencia!!).

Mareiras Espacio de Arte inaugurará este venres o seu novo estudio e, para celebralo, realizará (que é o que nos importa) unha Schubertiada. Contarán co tenor Enrique A. Martínez e o pianista Cándido Cabaleiro Paz, que interpretarán pezas de Schubert (era obrigado), unha aria de ópera barroca e algunha outra obra que descubrirán os asistentes. O evento terá tamén toques de performance, porque os dous músicos ocuparán igualmente as escaleiras do edificio do Preguntoiro no que está o novo estudio.

As Schubertiadas volven do pasado en Preguntoiro 9, 1º, o venres ás 20.30

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *