O cine indie mola … ás veces

short term 12

Ás veces pasa (ou case sempre) que o cine indie queda totalmente relegado ao público que vai expresamente a buscalo. Así xoias como a recentemente estreada ‘Otel·lo’, pasan desapercibidas e xorden case como de casualidade. Algo semellante é o que acontece con ‘Short Term 12’ e ‘The Spectacular Now’. A raíz de varios gifs e fotos que atopei procrastinando por Tumblr (esa escura gruta na que perdo horas e horas a diario) investiguei para sorprenderme pola unanimidade que denominaban estes filmes como as sorpresas do 2013. Armado de valor e preparado para calquera cousa, dispúxenme a gozar destas “obras mestras”.

Sorpresa! Efectivamente ‘Short Term 12’ é unha gratísima sorpresa que non comprendo como aínda non se estreou en España. Ópera prima de Destin Cretton, a película aborda a historia dos coidadores dun grupo de vintepicoañeros nun centro de acollida para nenos. Centrándose na personaxe de Grace, interpretada por unha Brie Larson (imposible non namorar dela) que pon os pelos de punta, a película fala dos problemas que sofren estes rapaces en acollida e como, ás veces, as institucións non se adaptan aos problemas que pretenden solucionar. Ademais, a propia Grace terá que superar os problemas relacionados coa súa parella Mason e o seu recente embarazo así como varios asuntos relacionados co seu problemático pai. Por se todo isto fose pouco, a película vai remarcando de forma sutil varias cuestións entorno á cuestión pedagóxica. Por unha banda, márcase a necesidade de adaptación dos métodos aos rapaces e non á inversa e, por outra, o filme discorre tamén sobre a necesidade de permitir á mocidade de expresarse a través dos seus propios medios en lugar de encarrilalos cara os “convencionais”.

Evidentemente esquecida nas grandes cerimonias de premios (Globos de Ouro e Oscars), ‘Short Term 12′ é esa sorpresa do cine independente da que non imos escoitar falar. Como os verdadeiros tesouro, a película está agardando a que sexamos nós os que a descubramos e a gocemos. 96 minutos escasos, como dicía, dun drama que combina escenas de profunda tenrura con verdadeiros momentos dramáticos. Gañadora de premios en Locarno ou Austin, esta película é a aposta perfecta para combater uns meses de xaneiro e febreiro que se aproximan cargados de carnaza de Oscars.

Co subidón desta sorpresa, a segunda película ofrecíase máis sinxela… en principio. Comeza a película e temos ao noso protagonista, un rapaz de dezaoito anos, escribindo a súa carta de presentación á universidade. Despois de cortar coa súa moza de todo o instituto, aproveita esta carta para desafogar os seus sentimentos e sincérase consigo mesmo e co espectador. Sorpresa (terrible)! Estamos ante a típica película de auto-axuda para adolescentes hormonados.

E os minutos restantes non negan a miña teoría sacada ao inicio deste “espectacular agora”. Festas, clases de instituto, alcol, sexo, relacións, e todos os compoñentes que unha película de adolescentes precisa para cumprir co cota de clixés que parece case obrigatorio. O protagonista, a pesar de ser un patético individuo co que me podería identificar, non consegue transmitir absolutamente nada máis que odio por el. Cun autoatribuído alcolismo e indo de “fucker” pola vida, o odio é a única relación que conseguiremos ter con Sutter. O contrario ocorre coa súa nova parella, Aimee, coa que si conectaremos, unha rapaza insegura que vive agardando a oportunidade que nunca ten. O único salvable desta película Brie Larson (si, non é unha errata, esta fermosa loira sae nas dúas películas) que asina un papel máis que digno como a exmoza de Sutter.

Se a anterior era unha aposta perfecta, está é o equivalente a ver un capítulo de Física y Química. Así que, avisados estades!

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *