Fame: coñeces esa sensación?

Fame Webserie

Que Galicia é un caldo de cultivo de numerosas producións non é ningunha novidade. Desde hai anos, comezamos a desmarcarnos como potencia non só creando filmes como ‘Celda 211’, senón tamén avanzando cara novos camiños audiovisuais como o Novo Cinema Galego. Un destes novos camiños son as webseries, e é que os novos realizadores atoparon aquí un oco no que poder desenvolver o seu potencial e darse a coñecer empregando internet como plataforma. El Viúdo Quiere Mimos ou Canillejas son dous exemplos dalgunhas webseries galegas xa consagradas. Mais hoxe é a produción duns alumnos de Comunicación Audiovisual da Universidade de Vigo o que nos ocupa: falamos de Fame.

E non, tranquilos, non estamos falando de que regresen os quentadores ou as camisolas de tirantes para bailar ao ritmo daquela mítica sintonía oitentera, senón desa sensación insaciable, voraz, dese apetito incansable que as nosas protagonistas Uve e Eme non son capaces de controlar. O primeiro dos tres capítulos que forman a primeira tempada, preséntanos a esta parella despois de sufrir unha avaría no coche que as obriga a hospedarse nunha casa rural. Alí coñecerán a Xavier, unha mestura entre Mario Casas e James Dean, co que pasarán unha noite inesquecible… posto que acabará coa morte deste. Partindo deste xiro argumental de inicio, o axente Celso terá que levar a cabo a investigación que aclare o misterio como se dunha versión de Angela Langsbury se tratase.

Sorprende a eficacia con que se levou a cabo este proxecto rodado en escasas tres xornadas de traballo. A webserie, feita integramente por estudantes do Centro Dramático e da Universidade de Vigo, evolucionou en poucos días de proxecto “low-cost / express” a ser unha aposta seria no eido da ficción galega en internet. A idea de ‘Fame’ naceu dentro do proxecto “Celanova, plató de ficción” a cargo de Anxos Fazáns e foi gravada e editada durante os días do mesmo. Agora só queda desexarlles ao equipo unha rodaxe máis tranquila para unha segunda tempada que xa está en fase de preprodución.

Pero, como a vosa fame é moita, deixámosvos de aperitivo o vídeo co que esta webserie se presentou no Culturgal do pasado 2013.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *