Cineuropa: as mellores películas

Cineuropa rematou e o Curtocircuíto aínda comeza a próxima semana. Así que, aproveitando este lapso cinéfilo, imos repasar as cinco mellores películas que vimos nesta vixésima edición de Cineuropa:

Like Father, Like Son

Dous matrimonios descobren que os seus fillos de seis anos foron intercambiados por erro no parto. Unha trama que podería parecer de telefilme de Antena3 un domingo á tarde, convértese aquí nun fío condutor que o director Kore-eda usa sabiamente para amosarnos os límites do amor paterno e a hipocrisía á que a “tradición” nos acostumou. Demoledora e dura, o drama postúlase como un dos mellores filmes deste ano.

Much Ado About Nothing

Revisión estilizada e traída aos tempos actuais do clásico shakespeariano. Para min, a película cool por excelencia de todo Cineuropa. Cunha coidada fotografía en branco e negro e cunha dirección de arte digna do mellor anuncio de calquera marca de roupa cara, Josh Whedon trae o clásico da literatura inglesa a un tempo de iPods, chalés con piscina e gintonics. Divertida, a película é sen dúbida unha das mellores formas para pasar máis de hora e media no cine.

The Congress

Ante o declive da súa carreira como actriz, Robin Wright venderá a súa imaxe na que será a súa ultima actuación: un estudo escaneará a súa imaxe por un ordenador para posuíla e empregala cantas veces queira. Esta libre adaptación do relato de Stanislaw Lem foi, persoalmente, a mellor sorpresa de todo festival. Mesturando animación e imaxe real, a película reflexiona co espectador sobre temas que pasan desde “o uso da imaxe” ata a “sociedade drogada que propoñía Aldous Huxley”.

The Act Of Killing

Surrealista, ao igual que a proposta anterior, este documental sobre o xenocidio indonesio proponlle aos propios asasinos reconstruír e contar a súa historia. Unha proposta arriscada e orixinal que senta como unha labazada directa á cara do espectador. 3 horas repugnantes nas que observamos como asasinos de miles de persoas bromean sobre os métodos empregados e no que, ás veces, ata rimos ante situacións absurdas e dignas dunha ficción. Joshua Oppenheimer trae o que é o mellor documental dos últimos e próximos 100 anos. Non apto para todos os públicos.

Mr. Vampire

Seguramente, o polo oposto á anterior: a película menos cool do festival. Porén, igualmente de recomendable, esta xoia da comedia/serie B xaponesa foi a máis aplaudida durante a maratón. Vampiros, pantasmas e moito absurdo son os compoñentes que caracterizan esta primeira película dunha saga que, seguro, é igual de boa. Para os que non a víchedes, preparádevos para as mellores escenas de pelexas xamais vistas no cine!

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *