A duración non importa: Curtocircuíto

curtocircuito-10-cartel-A3_3.inddNon se trata da duración, senón da calidade. Aínda que pareza que non, estou falando da actividade cinéfila compostelá copada polo festival Curtocircuíto. Escasa semana, pero intensa, de curtametraxes, actividades paralelas, retrospectivas e concertos que veñen a traer o décimo aniversario do Festival Internacional de Curtametraxes á capital galega. As longametraxes son moi mainstream: o cool son as curtas!!

Se un dos inconvenientes á hora de organizarnos para Cineuropa era a cantidade de oferta e a imposibilidade de cadrar horarios, este non será un problema en Curtocircuíto. E é que unha das vantaxes das curtametraxes é pasar dun drama, a unha comedia de animación a unha curta experimental-documental: e todo isto en só 75 minutos! “Non teño tempo” non será unha escusa válida para escaquearse do que é unha das mellores plataformas para a potenciación de novos talentos. Píldoras de cine que enchen esta semana o Teatro Principal de 18,00 a 00,30.

Esta décima edición, comandada por Pela del Álamo e apoiada por un gran equipo, trae á cidade curtas que están a ser premiadas en todos os festivais. Así, entre os moitos títulos que compoñen a sección oficial deste ano, atopamos Mr. Bear, unha comedia moi acertada para estes tempos de Nadal, Unicorn Blood, a historia gore de dous osiños cute, ou Luísa no está en casa, un drama que, tristemente, moitas mulleres viven a cotío. Ademais, o festival conta con seccións coma Explora, que trae novas caligrafías fílmicas, ou as diferentes retrospectivas sobre os dez anos de PlayDoc e Curtocircuíto. Por se isto fose pouco, arredor do festival existen actividades diversas como os Cafés con CREA ou as charlas a cargo de María Yañez, Luís E. Parés e Eloy Enciso.

Aproveitade, tedes ata o día 13 para empaparvos dos cineastas que, nuns anos, serán os directores de referencia. Así que, xa sabedes, se queredes presumir de que xa coñeciades a ese director antes de ser mainstream… bulide antes de que remate Curtocircuíto!

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará