A fascinante historia das casas Futuro: retrofuturismo sesenteiro

IMG_2193

Hai algo de maxia e de cine no momento no que por fin ves unha casa Futuro diante de ti coas súas escaleiras despregadas e decides subir. Centos de imaxes de películas empezan a aparecer na túa cabeza, intentando convencerte de que xa viras algo así moitas veces. Filmes de ciencia-ficción con ovnis chegando á Terra, películas dos anos 60 e 70 nas que todo era curvo e de cores vivas. Pero ti sabes a verdade: ata agora tan só viras estas cousas nunha pantalla. Agora estás a subir as escaleiras do que ben podería ser un platillo voante. E non, non o é, non hai extraterrestres dentro (nin nunca, que saibamos, os houbo), pero a historia das casas Futuro é igualmente fascinante.

Finlandia, 1968. O doutor Jaakko Hildenkari quere unha pequena cabina de esquí que faga máis sinxelas as súas vacacións, así que lle encarga o proxecto ao seu amigo o arquitecto Matti Suuronen. Non era sinxelo: Hildenkari quería a estación nunhas terras que tiña nun outeiro moi empinado. O resultado, a primeira Futuro House, estivo listo en 1968: unha sorte de platillo voante fabricado en fibra de vidro e plástico, lixeiro e fácil de transportar e montar, e que ademais podía quentarse facilmente grazas á electricidade nuns 30 minutos. O deseño, ademais, era un reflexo claro da época: cores vivas e esa clara inspiración espacial dunha época na que o home estaba a piques de chegar á Lúa. Parecía boa idea, así que pouco despois empezou a producirse en masa.

futuro

Aínda que “produción en masa” quizais non sexa a expresión máis axeitada para as menos de 10o unidades que houbo. Era un produto exclusivo e caro e, se ben recibiron moitas solicitudes e encargos, non aprobaron todos. Moitas das casas foron fabricadas en Finlandia; outras en Estados Unidos, Australia, Bélxica ou Xapón, países onde a cousa tivo bastante máis éxito. E non só eran cabinas de esquí: podían utilizarse como casiña vacacional, cafetería, lugar para reunións, festas… o que propietario quixese. Era posible encargalas en amarelo, azul claro ou branco, e o interior era bastante personalizable: sofás, quizais un dormitorio, espazo para gardar cousas… As casiñas Futuro foron aparecendo en distintos lugares do mundo. Os propietarios máis ricos facían que lla levasen xa montada en helicóptero. Outros montábana eles mesmos, xa que non facía falta ningunha maquinaria especial e as súas 16 pezas podían ser ensambladas nun par de días. Nin Andy Warhol puido resistirse a poñer os seus pés nunha delas.

IMG_2197O momento de gloria das casas Futuro, non obstante, non durou demasiado. En primeiro lugar, nunca foran demasiado populares entre o público, especialmente en Finlandia. Substituír as clásicas cabanas finesas de madeira nas que todo é natural e biodegradábel por estes ovnis non foi unha idea ben recibida. Ademais, nos 70 chegou tamén a crise do petróleo, polo que o plástico deixou de ser un material popular e barato. A produción en masa parou e moitas das casas foron abandonadas. Desapareceron os encargos e moitos foron cancelados. O Futuro quedara no pasado.

Pero como ben sabemos, todo volve, e algo tan especial como 80 ovnis repartidos polo mundo tiña que rematar por crear un novo movemento de fans e coleccionistas. Nos 90 e sobre todo xa no novo século empezou o novo proceso: buscar as casas Futuro. A guía da casiña 001, que está na actualidade no museo WeeGee en Espoo (a poucos quilómetros de Helsinki), cóntanos que teñen localizadas 56 casas por todo o mundo, moitas totalmente abandonadas e outras aínda en uso, pero que saben que ten que haber unhas 80, restando xa as que foron demolidas por distintos concellos na busca da naturalidade.

“Hai todo un movemento de Futuro-fans que buscan as casas e as visitan”, explica, contando que ademais os que teñen cartos convértense en coleccionistas mercando e restaurando os ovnis dos que se sabe quen é o propietario. Pasea pola casa 001 e explica que as cousas son agora algo contraditorias. “Por unha banda estaría ben que alguén viñese e decidise fabricar novas casas Futuro, xa que moitos visitantes preguntan se é posible alugala para festas e cousas así, algo que como museo non podemos facer. Pero tamén é certo que unha das súas vantaxes principais, a súa durabilidade, é un dos seus inconvenientes. Os materiais non son reciclables, non é nada ecolóxico. As casas Futuro duran quizais demasiado”.

Onde visitar estas casas? Como saber onde quedan Futuros?  Hai bastantes webs adicadas á súa busca, ademais dun práctico Google Maps que mostra onde hai ou houbo casas Futuro. A máis próxima a nós era unha en Mallorca que, non obstante, foi desmontada hai non moito. Unha mágoa! Pero iniciarse neste mundo de visitar casas Futuro é unha boísima escusa para viaxar lonxe. Nós somos xa fans e cremos que a de Espoo non será a única Futuro que visitemos. Pasa algo máxico cando sobes as escaleiras. Queres facelo máis veces. Queres subir á nave espacial.

* Se queres saber máis sobre o proxecto Futuro, hai un documental moi interesante feito en 1998 polo director finés Mika Taanila que é posible encontrar pola rede, ‘Futuro: a new stance for tomorrow’.

Shares

2 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *