Situémonos: Italia, sol, calor, rúas empedradas onde os homes asubían ás mulleres, un castelo onde durmir, unha piscina onde pasar tardes eternas… Se hai un libro que un debe ler en verán é ‘A viúva preñada’.
Por suposto -e o título xa da conta diso- o que conta ‘A viúva preñada’ non son unhas vacacións paradisíacas. O interesante de viaxar, nos libros de ficción, é que o destino estranxeiro convértese en pesadelo, porque a viaxe -desde os tempos de Ulises- é sempre interior.
A primeira frase do libro xa nos avisa “Esta é a historia dun trauma sexual“. Son os anos 70, cando as mulleres comezan a “comportarse como homes”, e cando calquera podía dicir a palabra “foder” se lle vén en gana. Esas son algunhas das reflexións do noso antiheroe, Keith Nearing, un post-adolescente namoradeiro de 20 anos que decide ir de vacacións a Italia en compañía de algo parecido á súa moza e outra rapaza de beleza voluptuosa. No castelo acabarán sendo máis, e o verán será empregado no que a moitos podería parecerlles un plan perfecto: drogas, sexo e moita conversación. Pero Martin Amis introduce sentenza : unha perda da inocencia tan abrupta ten o seu custe.
Aínda que moitos din que este é un dos mellores libros de Amis, eu debo advertir que discrepo. Sen embargo, si atopamos o característico estilo do escritor, a súa irónica agudeza, os xogos metaliterarios, certa imprecisión na construción das personaxes… aínda que a linguaxe resulta un pouco máis pomposa do habitual, probablemente para incidir no lento, pesado e surrealista ritmo daquel verán.
Sen dúbida esta é unha novela clásica de aprendizaxe, de paso á vida adulta, pero nun proceso iniciático que dista do ideal. O neno que xogaba a sabelo todo convértese nun só verán no home que desexaría volver á idade da ignorancia. Trátase dunha das novelas máis autobiográficas de Amis, que destila amargura, e que xulga sen concesións a época da liberación sexual.
*’A viúva preñada’ está editado por Galaxia.