Por que Chester Brown paga por sexo

Pagando por elloXa sabemos que case todo artista ten algo de exhibicionista e que o mundo da novela gráfica non sería o que hoxe é sen o xénero autobiográfico. Aínda así, o de Chester Brown, autor de cómics coma ‘Louis Riel’ ou ‘Ed o pallaso feliz’, sorprende.

Porque estamos afeitos a atopar violencia, abusos, destrutivos desamores e ata crimes nos cómics, pero que un home decente, estable, e que se presenta como boa persoa -e parece bastante crible- nos conte as súas experiencias reais con prostitutas , rechía.

É un tema complicado. Hai cousas que todos sabemos que están ben e hai cousas que todos sabemos que están mal, pero o da prostitución é un terreo moi esvaradío. En ‘Pagando por ello: memorias en cómic de un putero‘ Chester Brown  cóntanos, a modo de diario, cada unha das súas experiencias pagando por sexo, que é o que o levou a probalo e por que cre que non é algo cuestionable moralmente.

Trátase dunha aposta valente, porque el sabe cal é a imaxe que se ten dun putero (violento, pervertido ou deprimente no mellor dos casos), e ás veces un queda coa sensación de que se está a xustificar. De paso, lanza unha diatriba en contra do amor romántico, que para Chester Brown é peor que Satanás (porque saca o peor dun mesmo e porque ademais non dá máis que problemas).

Supón, desde logo, unha mirada diferente -e presumiblemente sincera- do mundo da prostitución, lonxe do paternalismo co que se adoita abordar.  O cómic, que non é máis que unha sucesión das súas citas, salteada de conversacións cos amigos sobre o tema, resulta brillante na súa sinxeleza, onde non hai nin sordidez nin erotismo. A inexpresividade do protagonista, neste caso, permite certo distanciamento conceptual para converter o cómic case nunha reportaxe documental.

Persoalmente, atopo que o nivel decae cando razoa. Entendo que o mundo da prostitución é moi atacado desde diversas frontes (desde os “defensores” da familia ata as feministas), pero no apéndice, onde Brown vai repasando cada un dos argumentos típicos contra a prostitución -o que sen dúbida resulta didáctico, e obrígalle a un a reflexionar- cae en certo fanatismo. Un ten a sensación de atoparse fronte a un iluminado, alguén que acaba de descubrir que a prostitución mola, e que está disposto a torcer un pouco a realidade para que encaixe coa súa cosmovisión– chegando a falar sobre o sagrado que é o sexo! -. Na súa defensa direi que sempre deixa claro que as súas opinións son só as súas opinións.

Pero definitivamente ‘Pagando por ello’ é un cómic que paga a pena ler, que axuda a ter unha visión menos nesgada sobre o negocio do sexo, ou, como mínimo, a pensar se a visión que un ten é a correcta. E iso coa calidade técnica característica dos cómics de Chester Brown.

Pagando por ello Chester Brown

Imaxe | Rolling Stone

Shares

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *