Reinterpretando ao tío máis chungo do Titanic

Poñédevos en situación. Estades nun barco que vai claramente a pique. Os mariñeiros están baixando os botes salvavidas. As mulleres e os nenos xa subiron neles, como manda a etiqueta do mar, e ti, que es un home, ves como con elas marcha unha das últimas (por non dicir a derradeira) oportunidade para sobrevivir. Que farías? Porque ademais de todo es o presidente da compañía que é a propietaria do barco en cuestión. Segundo as testemuñas máis críticas, Bruce Ismay deu un chimpo mentres o bote baixaba camiño do mar e colouse, vilmente e moi pouco gentleman, escapando así a morte mentres 1.517 persoas (nenos e mulleres incluídos) ían no canto camiño dela. Segundo as testemuñas máis amistosas, a Ismay dixéronlle os que coordinaban a evacuación que subise no bote.

Ismay, visitando a construcción do Titanic

Ismay, visitando a construcción do Titanic

Bruce Ismay era o presidente da White Star, a armadora propietaria do Titanic, o transatlántico do que mañá se cumpre o primeiro centenario do seu afundimento nas augas do xélido Atlántico Norte. A historia do barco converteuse no mesmo minuto cero no que as noticias do seu tráxico destino na gran historia de heroes, desgrazas e covardes que todos precisaban. Ismay foi, case por aclamación popular, o malo malísimo que a historia precisaba, o chivo expiatorio para as 1.517 persoas que quedaran no mar, mentres a orquestra, que tocaba mentres afundían, e o capitán, que morreu co barco, mutaron nos heroes indiscutibles. Ismay non foi un cabaleiro, senón que foi completamente humano.

Frances Wilson, crítica, xornalista e autora de libros de non ficción, asina un libro fascinante sobre Bruce Ismay e como esa decisión, ese momento no que dun chimpo (ou non) salvou a vida, influíu no seu futuro. ‘How to Survive the Titanic or The Sinking of J. Bruce Ismay’ non intenta xustificar o comportamento de Ismay, nin explicalo, pero si dá o contexto para entender que fixo ese home, o que significou e que permite ver o Titanic e a súa traxedia máis alá da historia romántica que sempre intentan transmitir libros e películas sobre o trasatlántico.

Ismay era un home gris e aburrido ao que o destino puxera ao fronte dunha gran compañía. O seu pai, estrito, un home feito a si mesmo, tiña unha forte personalidade e non transmitía cariño. Bruce Ismay viviu sempre na súa sombra, esperando o momento no que se tería que facer co goberno da empresa e sabendo que fixera o que fixera nunca sería considerado máis que a copia desleixada do seu propio pai. Fixo o que nunca el tería feito: vender a empresa a unha máis grande (JP Morgan!!) e, aínda que o fixeron presidente, pensaba en deixar o que xa non era seu nas mans doutros. A súa vida privada tampouco era mellor. Casara con Florence Schieffelin, unha burguesa estadounidense nunha viaxe a Nova York, pero o matrimonio non foi moi feliz. Tiveron cinco fillos, un morreu na infancia e os demais recibiron (salvo a súa querida filla Margaret) o mesmo trato distante e frío que Bruce levara do seu pai.

Un xornal da época, mostrando o proceso de investigación contra Ismay

Un xornal da época, mostrando o proceso de investigación contra Ismay

Ese era o home (do que poucos heroísmos se agardaban) que escapou da morte a noite na que afundiu o Titanic. Wilson non remata a súa biografía co afundimento do barco, senón que analiza o que veu despois. O Titanic foi un dos primeiros grandes temas tratados pola prensa sensacionalista e Ismay un vítima máis do amarelismo de William Randolph Hearst e os seus xornais. Bruce Ismay foi posto a disposición xudicial tan pronto como o barco que os rescatou entrou no porto de Nova York e sometido a unha sumarísima – e pública – investigación. Todos tiñan unha opinión sobre el. E ningunha era boa. De volta a Reino Unido, Ismay e o caso Titanic foron novamente investigados pola xustiza e os medios de comunicación. Mentres os comportamentos do capitán e a tripulación que afundiu co barco non era cuestionada (a pesar de que o capitán, Edward John Smith, rexeitaba a axuda das novas tecnoloxías e protagonizara un accidente inexplicable no camiño dende Belfast a Southampton do Titanic), a de Ismay era analizada ao mínimo detalle.

O afundimento do Titanic- e o seu análise posterior por escritores (en maio de 1912 xa había libros sobre o tema!), xornalistas, políticos, xuíces e todo aquel que puidera dicir máis de dúas palabras – permitiu tamén poñer de manifesto outras moitas cousas e outros moitos conflitos. Por exemplo, deu munición contra as sufraxistas, ás que se lles botaba en cara que pediran ter os mesmo dereitos que os homes… mentres as mulleres eran as primeiras en subir ao bote de salvamento. Tamén puxo en claro o conflito entre a moral (e chea de principios) sociedade vitoriana e a máis hedonista e invidualista (con principios menos sólidos que os seus pais e moito máis partidarios de mirar polo ben dun) sociedade eduardiana. E, como xa sabemos, foi unha das máis pavorosas mostras da diferencia de clase: o ratio de mortalidade dos pasaxeiros de terceira clase supera amplamente aos de primeira.

Aínda que algunhas pasaxes do libro non son tan interesantes como outras (a autora atopa moitas coincidencias entre a historia de Ismay e as que narra nas súas obras Joseph Conrad), o libro é unha moi interesante aportación á bibliografía sobre o Titanic e que paga a pena ser lido aínda que a historia do barco en cuestión non sexa unha das túas principais preocupacións. Agora que a titanicmania dá tan forte (mañá será o centenario exacto), que mellor que unha análise que abarque valentía, covardía, sociedade, prensa e malos malísimos que ao final só eran humanos?

‘How to Survive the Titanic or The Sinking of J. Bruce Ismay’ está editado en inglés, en formato libro e en modo ebook.

Fotos | Wikimedia Commons

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará