Athos en América: melancólica vinganza

Athos en América: melancólica vinganzaO estilo de Jason, autor de cómics noruegués, é inconfundible.  As súas historias, protagonizadas por animais humanos, ou mellor dito, animais antropomórficos, están sempre recorridas por unha tenrura desencantada, na liña do cine de Aki Kaurismaki, que poderíamos cualificar coma laconismo hiperexpresivo.

Cando vin que saíra un novo libro de Jason, ‘Athos en América’, iso era o que quería atopar, e iso o que atopei. O libro, constituído por seis historias curtas, é unha mostra máis (e xa van 16) do universo minimalista e silencioso do autor, salpicado de constantes referencias cinematográficas.

O primeiro que chama a atención destas novas historias é súa irremediabilidade. Porque Jason é o autor do desencanto, si, pero entre as súas historias sempre se coa unha fenda de luz, que neste caso non dou achado. El non está de acordo comigo “Hai certa escuridade ou melancolía en todas as miñas historias, pero tamén sempre un raio de esperanza. Quizais neste último libro nótase menos, pero é so coincidencia”. Será coincidencia, pero ai, é difícil acougar.

A segunda cousa sorprendente é que, na segunda das historias do libro “Un gato chegado do ceo” Jason métese no terreo escorregadizo da autobiografía. Ou da autobiografía ficcionada, mellor non sabelo. Alí coñecemos a un debuxante alcohólico, agresivo e dependente, de nome Jason, que se dedica a destruir e destruirse a través do amor, para acabar chegando ao punto de partida. Por suposto, o autor non se pronuncia sobre a veracidade dos feitos, pensa que iso arruinaría o xogo. Pero si deixa claro que o seu carácter misturase co de Bukowski, xa que o titulo da historia xoga co do libro “Love is a dog from hell”.

E é que Jason sempre bota man de novelas e filmes para inspirarse, especialmente isto último. Non é necesario desentrañar as referencias para gozar das súas  historias, iso si, porque funcionan de maneira bastante visceral. Jason explica que non lle gusta inspirarse noutros cómics, e por iso escolle outros  formatos ” Cando pasas todo o día a debuxar cómics, o último que queres facer no teu tempo libro é ler cómics. Así que vexo filmes, de todos os xéneros, pero sobre todo cine clásico. Gústame mesturar xéneros, ou personaxes de novelas con xéneros cinematográficos“.

En ‘Athos en America’ o cine negro é unha referencia constante: gangsters , disparos, vinganzas… pasados pola sensibilidade de Jason, o que da como resultado una película simplificada en debuxos, na que a maior parte do traballo consiste en ler entre liñas. O máis claro exemplo é Adeus Mary Ann, cun argumento clásico do cine dos 50, e a historia de ‘Athos en América’ máis lineal. É a favorita do autor, e niso si estamos de acordo.

Por último, a historia que da nome ao libro, tamén mestura cine e literatura, para presentarnos un Athos, o mosqueteiro, departendo afablemente cun barman, sobre as súas experiencias en Hollywood.

‘Athos en América’ é, en conclusión, un libro 100% Jason, que fará as delicias dos fans co seus debuxos esquemáticos e as súas historias melancólicas.

Está editado en castelán por Astiberri.

Shares

    Etiquetas

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *